A loita dos pais galegofalantes: «Unha nena preguntoume se lle falaba inglés ao meu fillo, e era galego»
Yes
Varias familias explican as dificultades de criar na nosa lingua en Galicia: «Cos amigos, é a miña filla a que cambia ao castelán»
04 Oct 2021. Actualizado a las 17:19 h.
En Galicia estas familias intentan que os seus fillos poidan medrar falando e vivindo en galego no seu día a día. É a lingua que máis escoitan na casa e a primeira que aprenden na fala, porén a situación cambia cando chegan a escolas cunha educación maioritaria en castelán ou comezan a relacionarse con outros cativos. Ademais, igual que Siri non entendía a lingua de Moraima —a nena que se fixo popular nas redes por intentar falar con este programa en galego, ao que Siri respondía que non entendía—, estes nenos atópanse con dificultades cando queren acceder a novas tecnoloxías ou contidos audiovisuais que empreguen as mesmas palabras que eles. Algúns acoden ao portugués para gozar do entretemento que buscan e outros ao castelán. Na escola, ou se comunican en galego ou mudan a súa lingua para adaptarse aos compañeiros, xa que os galegofalantes adoitan ser a minoría. Teñen pais preocupados por que aprendan e utilicen a lingua propia para mantela viva e non perder a cultura que vai con ela, pero as dificultades que atopan no obxectivo de que os nenos se desenvolvan con normalidade en galego son varias. Esta situación non cambia segundo o lugar de residencia, xa que estas familias atopan os mesmos problemas nas grandes cidades ou en vilas máis pequenas. Así é ser un pequeno galegofalante hoxe en día.
Elsa Quintas é nai dun neno de 2 anos, viven en Vigo e o idioma no que falaron na casa sempre foi o galego. A intención desta familia é que o neno teña «outra visión do mundo», agarimo pola súa cultura e que non perda a lingua, pero teñen medo de que a presión e a influencia do castelán, que senten máis a medida que o neno medra, poida con iso: «Cando o matriculamos nunha escola pública infantil o neno aínda non sabía falar, pero lle explicamos á mestra que era dunha familia galegofalante e que nos gustaría que iso non o perdese na aula. A mestra dixo que non se sentía cómoda falando en galego e que non ía mudar a súa lingua. Tendo en conta a situación do idioma, eu apelaba a unha cuestión de sensibilidade e coidado dos nenos que o falan, porque son cada vez menos, pero non o atopei».
Cambiar ao castelán
Esta nai sinala que é unha experiencia que comparte con outras familias de Vigo e que empeora segundo avanzan os anos de escolarización: «Non é negativo que incorporen outra lingua, o que sucede é que volven a casa falando en castelán porque é o idioma que empregan a maioría dos compañeiros e cos anos é máis difícil que se comuniquen en galego ata na casa». Para Elsa, o papel da escola é fundamental xa que ten o poder de mudar prexuízos sobre a lingua: «Hai nenos que teñen o galego máis interiorizado e non ceden ante a influencia dos demais rapaces, pero outros optan por non ser diferentes e mudan a súa lingua. O medo que teño non é que o neno perda a fala, porque sempre vai saber expresarse ben e entendela, é que o meu fillo pense que a súa lingua non é válida para o público e que teña complexo de inferioridade. Sen a vontade do profesorado, é moi complicado loitar contra isto».
Para quen cuestione se este neno terá dificultades en expresarse en castelán, pola familia galegofalante, Elsa responde: «É simple, os nenos galegofalantes sempre son bilingües, dominan as dúas linguas. O castelán está en posición absoluta en todos os ámbitos e os nenos percíbeno e asimílano sen problemas. Ademais, está demostrado que coñecer dous idiomas abre as portas a que sexa máis doado aprender máis, no noso caso, por exemplo, a facilidade para aprender portugués é unha vantaxe». A situación que lle preocupa a esta nai é a contraria, que os nenos non aprendan galego, xa que constata que hai crianzas en Galicia que non saben falar a lingua porque xa non a escoitan dos pais nin dos avós. «Para os nenos, o galego remata por ser unha materia máis na escola, como pode ser o inglés», declara. «A min pasoume que, estando co meu fillo na praia, unha nena de Marín preguntoume se lle estaba falando en inglés. A min encolléuseme o corazón porque xa non é que non saiban expresarse en galego, é que non recoñecen a lingua do lugar onde naceron», explica Elsa. Tamén viviu experiencias como falar con xente galegofalante que, para dirixirse ao neno, mudaba a lingua para o castelán.
Esta situación, segundo a nai viguesa, non é propia desta cidade: «Non hai ningún lugar idóneo para vivir en galego, nunha vila pequena o meu fillo tería o mesmo problema. Incluso en Compostela, que se considera unha cidade idílica para as familias galegofalantes, xa hai vinte anos que detecto que está bastante castelanizada».
Buscan máis debuxos
Outra eiva que detecta esta nai é a falta de contido audiovisual en galego para nenos, comparando esta situación coa que viviu a denominada Xeración Xabarín, nenos nacidos nos 90 que medraron nunha época de auxe dos debuxos animados en galego e que se educaron con eles. Ofrecía un contido acorde coas tendencias do momento, polo que os nenos conectaban moi ben cos programas. Xa hai un movemento de pais e nais que reclaman a canle Xabarín, que segue sendo unha icona para toda unha xeración. «Hai moita carencia de aplicacións en galego e contidos audiovisuais. O neno demanda cada vez máis estes tipos de produtos, nós o que facemos é suplilo con debuxos en portugués pola semellanza entre as linguas. Por iso demandamos unha canle para o Xabarín, para volver ter nenos que se sintan identificados con ese contido, coa música... O que queremos son contidos actualizados que conectan cos cativos de hoxe en día», demanda Elsa. Aqueles debuxos do Xabarín seguen dispoñibles, non obstante, polo paso do tempo deixaron de ser tan atractivos para os nenos, cuxos hábitos de consumo e gustos mudaron moito nos últimos anos.
Mónica Pazos: «Cos amigos, é a miña filla a que cambia ao castelán»
A filla de Mónica Pazos, de 10 anos de idade, é galegofalante, le libros en portugués e, cando fala con algunhas amigas, muda para o castelán para adaptarse a elas. Non é unha situación singular, é a que viven moitos nenos en Galicia.
Mónica é profesora de Lingua Galega nun instituto de Burela e vive en Foz coa súa filla e un fillo de 7 anos de idade. Ambos medraron falando en galego como primeira lingua, pero Mónica contempla como esta situación cambia a medida que crecen: «O meu neno, fóra de casa, xa fala máis castelán que galego».
Esta familia intenta que os cativos teñan a oportunidade de acceder a todo tipo de contidos na súa lingua, pero é aí onde atopan as maiores dificultades: «Viven nunha discriminación, se queren ver na televisión os debuxos que lles gustan igual non os atopan na súa lingua, parece que están castigados por falala». Ao ser nenos pequenos, non entenden o contexto no que viven, polo que cando entran en contacto con plataformas como YouTube asumen que van atopar os contidos que queren en galego. «Non comprenden por que non hai eses contidos e é moi difícil explicarlle a un neno os motivos polos que a súa lingua de comunicación non está presente en todos os ámbitos da súa vida», conta a nai. Estas situacións, explica Mónica, son as que contribúen a xerar prexuízos como o de que o galego non é doado para as tecnoloxías, algo que os galegofalantes adultos tamén sofren: «A nós pásanos o mesmo, non podemos acceder a certas películas ou series en galego».
Na familia de Mónica, para suplir algunhas das eivas que teñen os nenos, recorren á lingua do país veciño: «A nena le moitos libros en portugués e tamén ve vídeos, porén esta lingua non é a segunda opción. Cando están con amigos, van elixir antes o castelán». Na socialización é onde Mónica atopa os maiores cambios, xa que os seus fillos comunícanse con moitos compañeiros en castelán, mudando eles a súa lingua: «Os que falan en castelán non van cambiar ao galego polos meus nenos». Isto é un exemplo do que a profesora denomina discriminación. «Quen educa en castelán en Galicia non ten ningún problema, dá igual que os nenos sexan galegofalantes porque despois teñen asignaturas como Matemáticas en castelán ou se queren ver unha película está en castelán».
Como profesora de Lingua Galega, Mónica está en constante contacto cos rapaces e coñece cal é o panorama xeral da situación da lingua: «Hai dez anos a maioría de alumnos eran galegofalantes, agora hai moi poucos. Estase perdendo a fala entre os máis pequenos a pasos axigantados».
Gañar neofalantes
Con todo isto, Mónica intenta ser positiva, xa que tamén atopa situacións contrarias nas que o galego gaña falantes. «Cando os rapaces chegan ao bacharelato, con 16 anos, teñen máis conciencia da situación da lingua e comezan a empregala con máis frecuencia ou mesmo habitualmente», explica a profesora. Tampouco atopa problemas na relación dos alumnos coa literatura, pero demanda máis oferta.
Ademais, insiste en que non hai que culpabilizar aos que non manifestan este cambio: «Hai que centrarse en ofrecerlles o contido que precisan e concienciar de que falar unha lingua máis é unha vantaxe, aínda que o galego non teña o mesmo valor que outras linguas para unha parte da sociedade».
María Castelo: «Se lle falas galego á túa filla es ti contra o mundo»
María Castelo sempre falou galego. É a súa lingua materna e a que nunca deixou de falar, por iso cando naceu a súa filla Lela hai seis anos nin sequera pensou falarlle en castelán. Usar o galego con ela era o natural: «Non foi algo que se falou, era algo que se daba por feito». E desde o primeiro momento todo foi rodado. Mais na etapa de escolarización foi cando comezou a notar os primeiros problemas: «A escola é castelán-falante. Son mínimas as intervencións que se fan en galego. Durante os anos de infantil, se a nena entraba en setembro falando galego, no Samaín xa dicía ‘yo' en lugar de ‘eu'». Ademais dos esforzos que fai na casa por que non perda a súa lingua materna, María tamén trata de contrarrestar esa escolarización castelán durante os meses de verán. «Terminabamos en xuño e facía os campamentos sempre na escola comunitaria de Semente na Coruña e en 15 días xa flexionaba os infinitivos, con tan só 4 anos, e distinguía perfectamente sons», algo que nunca percibiu na escola á que vai Lela onde María considera que o compromiso co galego é mínimo. «Preguntei polas materias que dan en galego, que son Lingua Galega e Ciencias, e dixéronme que se imparten en galego, mais sinceramente custoume crelo... pode ser. Eu sei que o libro teno en galego, pero teño a impresión de que a lingua vehicular desas materias segue sendo o castelán».
Porque para Lela o «normal» é falar en galego: «Ela sabe que é a nosa lingua e o outro é castelán ou inglés. De feito, ata non hai moito tempo, ata os cinco anos, ela confundía castelán e inglés. Dicíame que xa estaba aprendendo inglés e ao preguntarlle que era o que aprendera, contestaba: ‘Hola, buenas tardes, cómo estás... '. Pensaba que iso era inglés porque para ela era algo completamente distinto ao que falamos nós».
A María non lle molestan as interferencias co castelán porque tamén o castelán as ten co inglés, pero si bota en falta «unha morea de cousas». «Grupos de pais con nenos que falen galego para socializar con eles. Agora mesmo o único que hai na zona da Coruña é Semente, pero é limitado, cos campamentos e teñen só infantil. Boto de menos un compromiso social e institucional. Non é posible que na Coruña non haxa campamentos urbanos onde se lles fale aos nenos en galego. Igual en Culleredo. Nin un. É unha barbaridade», aclara esta nai que afirma que «a inmersión lingüística é impresionante». «Dáste conta de que es ti contra o mundo» porque «a escola pesa moitísimo e os grupos de pais tamén, sobre todo en zonas urbanas como Culleredo, que son castelán-falantes».
Contidos multimedia
O tema dos debuxos animados tamén merece un capítulo aparte porque, segundo explica María, Lela ten que velos en portugués porque as canles maioritarias destes contidos emiten só en castelán: «É bastante complicado atopar debuxos en galego que lles gusten aos nenos. Eu tiro polo portugués, así que aí non teño ese problema, pero na televisión é impensable. Pode haber algún seriado de debuxos que poida valer, mais é mínimo. A canle por definición para eles que é Clan TV non ten a opción en galego, só permite subtitular en inglés. Mais as 24 horas do día é en castelán». Igual que o GPS, que tamén o teñen que poñer en portugués: «Ela escoita que di: ‘Vira á dereita', e non ten ningún problema con iso porque entende que é galego, con outro acento, mais enténdeo perfectamente. Non identifica que é outra lingua, é o mesmo que falo eu». En cambio, María si agradece que haxa variedade de libros infantís en galego, pero sabe que noutros ámbitos hai moitas carencias: «É un pouco triste, mais as cousas son así».