La Voz de Galicia

Paulo Gamallo, filólogo e investigador da USC: «Necesítase xente de Humanidades para traballar coa intelixencia artificial»

Yes

MARTA REY /  PROFESOR TITULAR DE FILOLOXÍA NA USC E INVESTIGADOR S.F. PROFESOR TITULAR DE FILOLOXÍA NA USC E INVESTIGADOR

Teñen saída as carreiras de letras no ámbito tecnolóxico? O filólogo e investigador do CiTIUS explica as funcións dos graduados nesta área: «A exdirectora executiva de YouTube estudou Historia e Literatura Inglesa»

29 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Filoloxía, Filosofía, Historia... Son algúns dos graos que se ofertan na rama de Humanidades. De primeiras pode semellar que as persoas que os estudan só poderán ser docentes no futuro. Pero nun mundo tan cambiante e coa tecnoloxía implantada por completo no noso día a día, os graduados nestas carreiras poden atopar unha nova oportunidade laboral: a intelixencia artificial. Paulo Gamallo, investigador do CiTIUS e profesor titular na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, explica que características do perfil de estudante denominado «de letras» poden servir para desenvolver estas novas ferramentas.

—Dá a sensación de que a conexión entre as carreiras de Humanidades e a intelixencia artificial é mínima. Cal é o voso traballo como filólogos á hora de adestrala?

—Hai que separar dúas cousas. Por un lado, están os perfís como o meu, que somos perfís híbridos. No meu caso, ademais de estudar filoloxía, teño coñecementos en informática a partir do máster que cursei. Son o que sería un lingüista computacional. Levo traballando máis de 20 anos en grupos e centros de tecnoloxía da información. A miña investigación está enfocada niso. É un traballo moi parecido ao que sería un enxeñeiro, o que pasa é que no meu caso teño formación lingüística. Somos poucos os que temos coñecementos deste tipo, non é a clásica que se recibe na facultade. Por outro lado, estaría o que penso que debería facerse desde Filoloxía para intentar adaptarse á intelixencia artificial, como, por exemplo, coñecer como se adestran os modelos de linguaxe e saber que tipo de datos se empregan para instruílos.

—É aí onde pode colaborar o enxeñeiro coa xente de Ciencias Sociais e de Humanidades...

—Si, para desenvolver conxuntos de datos e de instrucións ben construídas que permitan mellorar a capacidade de aprendizaxe do modelo. Refírome a tarefas de razoamento, pero tamén de corrección lingüística. Hai outra faceta que é a de avaliar as destrezas dos modelos de intelixencia artificial. Aí tamén pode axudar moito o perfil da xente de Humanidades, sobre todo, para calificar a súa calidade e as súas capacidades lingüísticas.

—Desde fóra semella difícil adestrala. Como é posible que un sistema como Chat GPT poida estar comprendendo o que lle pido no meu idioma?

—É un procesamento moi rápido da petición. O concepto de comprensión hai que poñelo entre aspas. Non é que comprendan como un humano, pero si son capaces de completar o texto de tal maneira que parece que é tan intelixente coma el, porque utilizou o sistema de miles de millóns de palabras, aínda que xa estamos falando de billóns, trillóns en inglés. É imposible controlar todo o texto que pode tragar un sistema destes para ser adestrado. Necesítase tamén unha cantidade de cómputo moi grande, pero estamos falando agora de cantidades inxentes de texto. Xa non só ChatGPT, senón outros modelos que se están construíndo. Nós estamos traballando dentro do proxecto Nós, no que tentaremos facer chats específicos para o galego.

—A linguaxe informática está formada por ceros e uns. Sodes vós os que o convertedes en linguaxe natural?

—Si que son todo ceros e uns, pero hai diferentes graos de abstracción. Os enxeñeiros estamos traballando con linguaxes de programación que collen como entrada texto puro. Estes modelos de linguaxe aprenden a partir de todo o que está escrito, modelos de linguaxe textual. Por outro lado, estarían os da fala. A partir de miles de millóns de palabras escritas da rede, collidas da Wikipedia ou de redes sociais, o propio sistema aprende a escribir. E hoxe en día faino moi ben porque xera textos dunha calidade que practicamente é imposible distinguir entre un modelo e un humano. Todo isto desde hai 3 ou 4 anos, a partir das redes neuronais artificiais, e sobre todo da arquitectura de Transformer que foi a que deu o salto cualitativo.

—Pensas que é preciso o perfil do graduado en Humanidades para traballar no mundo da intelixencia artificial?

—Si, e penso que ten que ser algo transversal. Todos os graos ligados ás Humanidades teñen que estar incluíndo xa a intelixencia artificial como unha ferramenta máis para inserir no mundo laboral. Sei que o decano de Filoloxía da Universidade de Santiago é moi consciente disto. Non é cuestión de facer unha especialidade de Humanidades dixitais, xa que agora mesmo xa son todas dixitais. Hai algúns exemplos de profesionais que veñen desta área e lideraron no mundo tecnolóxico. A que foi xefa executiva de YouTube estudou Historia e Literatura inglesa. Iso é uha mostra interesante de que, ao final, a xente de Humanidades ten capacidades de liderado e de xestión para poder estar facendo tarefas que non só se limitan a ser mestre de Literatura.

—Cando alguén di que estuda Filoloxía, a concepción social é de que acabará traballando nun arquivo ou de docente...

—Por iso mencionei o exemplo. As Humanidades danche capacidade crítica e creatividade. Hoxe hai un concepto moi interesante que é o de «pensar fóra da caixa». A caixa é o mundo da intelixencia artificial, o mundo dos modelos de linguaxe, que van tragando e aprendendo. Non só do que escriben os humanos, senón do que escriben as máquinas. Hai un impacto corrosivo que é o de que as máquinas aprenden de si mesmas. Precisamente o importante do pensamento máis humanista é o de pensar fóra dela, ter capacidade creativa, pensamento crítico e empatía, todo o que para a máquina é máis difícil de desenvolver. Isto vai ter un valor moi grande no momento en que, claro, todo xire é arredor da caixa, é que está tamén fóra dela. As Humanidades tamén deberían estar aí, coñecendo ben a caixa. Non digo de poñerse de costas cara a ela, senón de estar fóra tamén, pero con pensamento crítico.

—Que pros e contras consideras que existen no uso da intelixencia artificial na educación?

—Fáloche un pouco como usuario. É algo que temos que utilizar porque está aí. Está claro que non se vai dar marcha atrás, polo tanto, todos os estudantes e profesores terán que empregala. Desde o punto de vista do profesorado, podes construír material docente de forma máis rápida e variada. Eu non falaría de contras, pero é certo que agora pedir un traballo aos estudantes é moi arriscado sabendo que van utilizar os modelos de linguaxe. Polo tanto, hai que comezar a pensar noutra maneira de interactuar con eles sabendo que consultan o Chat GPT. Pódese pensar en tarefas diferentes do tipo: «Fai un traballo sobre Napoleón e dime que resultados obtiveches métendolle os teus promts —instruccións— e despois faime unha corrección de todo o que ti consideres que está mal». Estes exercicios son interesantes para avaliar a capacidade crítica dos estudantes.

 


Comentar