A filóloga que fai xoias con flores secas desde Santiago
Yes
Cambiou a docencia pola artesanía e non se arrepinte. Sara está detrás de Atesourada, a marca chea de historias: «Recibo dende ramos de noiva ata coroas de funerais»
25 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
De pequena xogaba a ser mestra e a facer colares con macarróns e, ao final, cando de adulta tivo que escoller, decantouse polo segundo. A diferenza é que agora as súas xoias non as fai con macarróns, senón que elabora auténticas obras de arte con flores secas. Sara Blanco (Santiago, 1998) é a artista detrás de Atesourada, o perfil onde vende as xoias que elabora, unha a unha, artesanalmente. Como ela mesma di, «cada peza leva un anaquiño de natureza».
Chegar ata aquí foi, para ela, «unha sorpresa». «Nunca imaxinei que isto ía ser o meu traballo», confesa. Estudou Filoloxía Francesa na Universidade de Santiago e mesmo marchou traballar un ano a Francia como auxiliar de conversa. Pero foi precisamente no último curso da carreira cando comezou a facer xoias. Empezou «coma quen non quere a cousa» cun kit de resina que mercaron ela e a súa sogra no 2021.
Conta que nun principio só facía xoias para ela e o seu entorno máis próximo, e que a aprendizaxe foi un proceso de ensaios e erros: «Por exemplo, ao principio non sabía que as flores tiñan que estar totalmente secas. Fixemos aneis cunhas rosas vermellas preciosas e aos dous días eran negras», recorda.
Pouco a pouco foi aprendendo, mercando máis materias e ampliando o seu público. A día de hoxe, facer as xoias é a única fonte de ingresos para Sara, que decidiu apostalo todo por este proxecto: «O verán no que volvín de Francia decidín non traballar na hostalería, que era o que viña facendo os veráns anteriores, para centrarme nas xoias», relata. A acollida que tivo nese momento foi o detonante: «Tiven un verán boísimo e despois empecei a traballar nunha academia de Francés en Santiago, pero rematei deixándoo para darlle a oportunidade a Atesourada», di. «E nunca me arrepentín», deixa claro.
De vodas a funerais
O proceso para elaborar cada peza comeza por ter a idea «e valorar cal é a mellor maneira de levala a cabo». Despois, toca escoller a flor máis axeitada, unha elección moito máis importante do que poida parecer: «Por exemplo, se quero facer unha peza con xirasoles, agora é o peor momento para atopalos. Daquela, sempre teño que ter pezas elaboradas con flores comúns, que poida conseguir durante todo o ano», relata Sara. Despois seca a planta durante dez días, fai o deseño en resina incorporando as flores e sécao cunha lámpada UV. Aínda que dependa da complexidade, este último paso lévalle, de media, unha hora por peza.
Ademais das coleccións que ten á venda na súa páxina web, Sara tamén fai encargos personalizados con flores que lle envían os clientes. «Aí, a xente manda de todo. Algunhas historias son preciosas e outras moi tristes», explica. Efectivamente, esas pezas están cheas de significado: «Chéganme dende ramos de vodas ata coroas de funerais, pero eu sempre estou contenta de formar parte dese recordo dalgunha maneira», conta. Tamén hai encargos que son específicos non, o seguinte: «Unha rapaza pediume un anel feito co ramo que lle regalou o seu mozo o día que lles deron as chaves do piso que mercaron», relata Sara.
Todo este proceso lévase a cabo na súa habitación de Santiago, onde pasa entre dez e doce horas diarias. «Xa non sei se é luns, mércores, festivo ou domingo», recoñece. Por iso, nun futuro vese cun punto de venda físico, xa que pasar xornadas sen saír do cuarto é o peor do seu traballo. «Pero o mellor é todo o demais», remata.