Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Un oriundo de Noia foi o descubridor da insularidade do territorio cubano

Xerardo AgraFoxo

BARBANZA

Sebastián de Ocampo saíu de Santo Domingo a mediados do 1508

29 ene 2010 . Actualizado a las 11:25 h.

Despois do descubrimento de América, os Reis Católicos amosaron en 1504 o seu interese para que se explorase Cuba: «La tierra más hermosa, que se cree es tierra firme y hay en ella casas de especiería y oro y otras cosas de provecho». A persoa encargada para esta difícil misión polas augas do Caribe foi Sebastián de Ocampo, un navegante galego, natural de Tui pero vinculado a Noia onde radicaba unha rama da súa familia. Participara na segunda viaxe de Cristóbal Colón ás Indias e, a principios do século XVI, atopábase residindo na cidade de Santo Domingo. A circunstancia que o levara ata a illa Española fora unha sanguenta e mortal liorta mantida co veciño de Xerez Juan Velázquez. Aínda que as autoridades xudiciais da época o condenaron a morte no ano 1501, os Reis Católicos conmutáronlle posteriormente esta pena pola de desterro perpetuo nas afastadas Antillas.

A pesar desta dura sentenza, Nicolás de Ovando, gobernador dos territorios ultramarinos, elixiuno polo dominio das artes náuticas para percorrer as costas de Cuba e determinar se era factible establecer nela poboados cristiáns.

«Bojeo» pola costa

Con este obxectivo e unha flota composta de dúas carabelas, Sebastián de Ocampo saíu de Santo Domingo a mediados do ano 1508. Comezou o bojeo pola costa norte e no sentido contrario ao das agullas do reloxo. Unha testemuña de incuestionable valor documental e histórico sobre este periplo do navegante galego polas costas da grande illa antillana foi o de Frei Bartolomé de las Casas: «Para este descubrimiento envió por capitán a un hidalgo gallego, llamado Sebastián de Ocampo, criado en la reina Ysabel, de los que habían venido con el primer Almirante, cuando vino a poblar esta isla el segundo viaje».

Pola parte norte do territorio cubano bordearon varios peiraos, entraron na actual baía de La Habana, que eles chamaron Puerto Carenas, por carenar alí os barcos, e seguiron rumbo ao oeste. Continuando o vieiro de circunvalación dirixíronse ao cabo Guaniguanico, que, por ser a punta máis occidental da illa, lles marcou o cambio de rumbo da viaxe cara ao levante cunha navegación polas costas meridionais.

Por esta ruta -xa explorada noutra viaxe por Cristóbal Colón- a expedición chegou a Jagua onde, segundo De las Casas, tiveron unha boa acollida por parte dos nativos: «Aquí estuvo Ocampo muy a su placer, bien servido de los indios de infinitas perdices como las de Castilla, salvo que algo menores. Tuvo también abundancia de lizas, porque no se podía encarecer la multitud que hay de llas en aquel puerto. Teníanlas en corrales... había millones de ellas».

Despois de abandonar Jagua e pasar pola punta Tarquino, converteron o cacique da rexión e saíron deica o extremo máis oriental de Cuba (Punta Maisí) para tomar rumbo á Española. O mesmo Frei Bartolomé de Las Casas conta desta maneira a derradeira fase da singradura: «De allí vino costeando la isla y trajo al comendador las nuevas de ser isla; en lo cual se gastó, si no me he olvidado, ocho meses. Bien creo que si más el oficio el comendador mayor tuviera, que la enviera a poblar de españoles muy prestos subido que era tierra enjuta y buena».

Escasas noticias

Demostrado por este bojeo de Sebastián de Ocampo que Cuba era unha illa, as noticias sobre o navegante galego son escasas. Sábese pola testemuña documental dunha carta dirixida ao Rei por Vasco Núñez de Balboa que Ocampo se atopaba no ano 1513 no Darién (Panamá). Dende aquí, o descubridor do océano Pacífico enviouno a España con 370 pesos de ouro e un informe sobre a natureza das terras descubertas. Con este poder de Vasco Núñez de Balboa, chegou Ocampo a Sevilla en xuño do ano 1514 e nomeou o seu primo Alonso de Noia como procurador substituto para os asuntos do descubridor do Pacífico.

Coa viaxe de circunnavegación á illa de Cuba lograda por Sebastián de Ocampo, a monarquía católica cumpría un dos seus obxectivos de exploración atlántica. Novas empresas posibilitarían o descubrimento do océano Pacífico por parte de Vasco Núñez de Balboa e a viaxe de Magallanes-Elcano, que demostraría a esfericidade da Terra nun periplo que contaría como tripulante un mariñeiro noiés: Antón Varela, moitos anos despois protagonista da obra Rumbo ao Maluco, de Xosé Agrelo Hermo.