Héctor Outeiral peregrinou dende a terra que o ten adoptado ata a praza do Obradoiro, na súa Galicia natal
11 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Héctor Outeiral Núñez é un galego que actualmente vive no País de Gales, dende alí comezou unha aventura en bicicleta que o levaría ata Santiago de Compostela. Como un peregrino máis, e logo de 2.500 km de pedaleo as súas costas, chegou o 25 de xullo as catro da tarde a Praza do Obradoiro. Alí, esperábao a súa familia para acollelo despois do longo percorrido.
Este auxiliar de enfermería natural de Boiro reside no País de Galés xunto coa súa familia dende fai 11 anos. Influenciado por libros de viaxeiros que contaban periplos e andainas diversas, e, polas ganas de volver a súa terra natal, decidiu coller a súa bicicleta para facer o Camiño de Santiago e así unir os dous lugares onde residiu.
Pensou que xa era hora de explorar mellor os pobos e as culturas que existían entre os seus dous fogares: «normalmente cando colles un avión, fas o viaxe dende un punto A a un punto B sen gozar nada do que hai polo medio. A min apetecíame ver e indagar máis sobre as diversas localizacións que unen eses dous puntos». Outeiral indicou que o prezo do billete ida-volta entre o País de Gales e Galicia era equitativo ao prezo final que a el lle resultou a súa peregrinación, e que a súa experiencia pagou a pena.
A saída
O 4 de xullo foi o día escollido para comezar a ruta. Así iniciaba unha experiencia inesquecible que contaría con ocasións tanto para rir como para chorar.
Un dos intres máis duros foi un dos tramos finais, na subida de porto del Palo, en Asturias. Alí o boirense veu as súas forzas fraquear e as ganas de abandonar apareceron, pero soubo como enfrontarse a elas, recuperar o ánimo, e continuar para acadar o seu obxectivo.
Tamén houbo momentos de emoción: o día da súa chegada, o domingo 25 de xullo, a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, onde o agardaba a súa familia. Ao atoparse ninguén puido controlar a emoción nin as bágoas.
Outra situación das máis vibrantes para Héctor Outeiral foi a súa chegada a Galicia pola provincia de Lugo: «Cando vin o cartel, non o cría, estiven chorando 6 km seguidos, parecía que había anos que non viña por aquí. Entrar en Galicia é algo moi especial, sobre todo se vives fora de ela. Parece que cando te vas acercando empezas a sentila. Empezas a cheirar o Ribeiro, o polbo, o aire... xa estas na casa» comenta.
Do seu traxecto gardará boas amizades, moitas fotos e todo un cargamento de vídeos nos que cada día documentaba a súa aventura. Ademais, en breve comezará a escribir un caderno de bitácora no que narrará as súas andainas dende o día que saíu do seu fogar en Galés, ata o día que veu a Catedral de Santiago de Compostela, a desexada meta.
Este galego ten pensado recorrer moitos outros lugares do mundo. Aínda ben non rematou o proxecto de unir as súas dúas patrias, e xa está barallando novas posibilidades: «O ano que ven, no verán, quero percorrer os Estados Unidos de costa a costa, saír dende San Francisco e rematar en Washington», afirmou Outeiral.