«A emigración a Suíza apenas foi estudada»

S. G. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Un libro repasa o médio século da presenza dos traballadores galegos na Confederación Helvética

30 jun 2010 . Actualizado a las 22:54 h.

A Costa da Morte é a principal zona española de emigración a Suíza, e Galicia é a comunidade que, de lonxe, máis traballadores aportou. Así, dende hai 50 anos. Curiosamente, no pasado 2009 o número de emigrantes remontou (só cen no cómputo global, pero marca un cambio de tendencia) logo dunha década de retorno constante.

Malia a todo isto e moito máis, pouco se ten escrito sobre un fenómeno que involucrou a milleiros de familias da Costa da Morte. Un libro que acaba de aparecer vén a paliar, en parte, esta eiva. Trátase de Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración , coordinado, e escrito en parte, por Xusto Martínez Crespo, historiador, responsable do sindicato de CIG-Migración (quen o edita) e experto no tema. Na edición deste volume tamén colabora o Ministerio de Trabajo.

-¿Por que sae agora este este traballo?

-Neste ano cúmprese medio século dende a firma dos convenios bilaterais entre España e Suíza. Foi aí cando empezou a regularse a emigración galega a Suíza e cando empezaron a marchar traballadores.

-¿Había moitos traballos ao respecto?

-Non, a emigración galega a Suíza apenas foi estudada. Nin a Suíza, nin a case ningunha parte, agás Cuba, Arxentina e Uruguay, pouco máis. De países como Venezuela case nin se falou.

-¿Como se estrutura o libro?

-En catro grandes apartados, e de cada un responsabilízase un autor. Non se pode abarcar todo. Nós abordamos catro aspectos distintos da realidade migratoria. O profesor Luís Calvo Salgado encargouse dos galegos en Xenebra, transcribindo varios programas de radio sobre a materia. Elisabeth Graf fíxolle tres entrevistas a descendentes de galegos nacidos e criados en Suíza. Marianne Helfer, antropóloga de Berna [que xa fixera un estudo en Galicia e traballara algún tempo en Carballo] aborda a vida sindical. E eu percorro a historia dunha familia galega que marcha para aló, e todo o que a rodea, as cuestións familiares... Tamén nos ocupamos de explicar a situación económica española entre 1959 e 1961, ademais dunha pequena historia do que era Suíza, que pasou a ser un país de emigrantes a un receptor. Como España agora. Incluímos moitas táboas estatísticas (se desglosamos, alí falábase máis o galego que o español) e moitas fotos que nos cederon emigrantes. Está escrito en galego e en alemán.

-¿Cando se presenta?

-En Carballo esperamos facelo en outubro.

-¿Como se pode conseguir?

-Por Internet, e tamén nalgunha libraría da zona, estouno mirando.