Espectros de verán

Camilo Franco

TELEVISIÓN

KIKO DA SILVA

15 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Debe ser o cambio climático o que non permite que haxa verán cando é verán. De non ser polos grandes almacéns ou polas rebaixas non íamos conseguir saber en que estación vivimos. No cultural podería pasar algo semellante e miramos de abolir os xéneros. Alá onde o sol sae un espectro recorre as praias: son as lecturas de verán. Por pura lóxica comercial, por inxenuidade romántica ou porque hai quen usa camisas estampadas, alguén predeterminou un tipo de libro refrescante. Aproveitando a indecisión climática chegamos á conclusión de que todos os libros son para o verán. Ao falar un acaba retratándose. A proposta do bilingüismo amable de poñerlle teito ao uso do galego explica perfectamente o sentido da actitude normalizadora do PP: nunca ninguén amablemente suxeriu poñerlle teito ao uso do castelán. Pero mira se sucede que lle facemos caso e pedimos con amabilidade e que o 50% do país recupere o galego como idioma. O outro espectro do verán son os festivais. O que sorprende, como no caso da amabilidade do bilingüismo, é que non queiramos recoñecer onde vivimos. Os organizadores de eventos ao aire libre, están decididos a ignoralo. Estaría ben que quen promove os concertos tiveran un plan B adaptado ás circunstancias. A circunstancia é que Galicia non é o Mediterráneo e aquí a chuvia é arte. Se queres comentar, podes entrar en www.lavozdegalicia.es ou escribir a camilo.franco@lavoz.es