Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Estudantes norteamericanos para a cultura galega

Camilo Franco

CULTURA

Alumnos da Universidade de Wisconsin coñecen Galicia

30 jul 2007 . Actualizado a las 14:43 h.

Son todos norteamericanos, pero a súa procedencia é máis ampla. Son oito alumnos da Universidade Wisconsin-Milwaukee que están en Santiago para achegarse á cultura galega. Poden responder a moitos tópicos, pero ningún relacionado coa escasa curiosidade dos norteamericanos polo que sucede fóra do seus país.

Dous profesores galegos desa universidade, Isabel Méndez e Gabriel Rei-Doval, interesáronos en pasar case un mes en Galicia para ampliar coñecementos.

Son sete mulleres e un home e a media resulta un pouco esaxerada para a ratio existente nas universidades americanas, pero vale como indicador da preeminencia feminina nas aulas.

Nos vinte días longos que levan en Galicia, os oito foron facéndose cun vocabulario galego que non alcanza para explicar algunhas sorpresas. Theresa Lee, estudante de xornalismo, ten un titular para explicar o que lle parece Galicia e a súa cultura: «Un inesperado tesouro».

Calvin Sadowski, o único home dunha expedición que viaxa sen becas, asegura que a perspectiva norteamericana, cando a hai, «está relacionada con touros ou flamenco» e «non se coñece a diferenza». Chove unha parte grande dos días, pero están tan sorprendidos que nin se queixan do mal tempo. Alternan as visitas culturais cos exames e consideran que a cultura resulta moi atractiva, especialmente os bailes. Sarah Sost é das partidarias da muiñeira e foi capaz de aprender algún portugués na visita a Valença. Considera difícil explicar o caso galego a outros estudantes norteamericanos pero cre que «sería necesario dar a coñecer o país nos Estados Unidos».

Gabriel Rei-Doval e Isabel Méndez tentan ampliar o concepto do hispánico nas súas clases en Wisconsin. Rei-Doval sinala que «hai moita curiosidade entre o alumnado pola historia e pola cultura». O comentario do profesor queda confirmado polos alumnos, Laura Melbourne sinala que «os Estados Unidos non teñen unha historia como a galega». Os seus compañeiros apuntan especialmente a pegada da Guerra Civil, as circunstancias do conflito e, sobre todo, o recente que lles parece. Hannah Méndez, de orixe mexicana, comenta a sorpresa que supón encontrarse con unha cultura que consideran histórica, asentada e máis elaborada que a súa. A estudante, que tamén ten antecedentes familiares ata o Mayflower, querería, como todos os seus compañeiros, volver a Galicia a ampliar estudos ou a viaxar por viaxar.