Santiago | Con algo máis de 62.000 falantes, o galego aínda se conserva como o terceiro idioma do País Vasco despois do castelán e o eusquera, e 13 centros galegos e dúas asociacións culturais promovidos por emigrantes manteñen viva a cultura das orixes. Así o manifestaba recentemente en Compostela o historiador Xosé Estévez, natural de Quiroga, que reside desde 1973 nesa comunidade, onde desempeñou unha importante labor docente e investigadora na Universidade de Deusto e é unha referencia polos seus estudos sobre o pacto Galeusca. Estévez aludiu a un estudo do sociólogo Ruiz de Olabuenaga, que conclúe como a comunidade galega está ben integrada e é moi apreciada, con numerosos casos de matrimonios con persoas vascas. Afirma que neste tempo celebran o magosto; e o 25 de Xullo e outras datas tamén se conmemoran con actos en galego.
Baracaldo é a cidade con máis presenza galega e hai rúas de Galicia ou Breogán, e monumentos a Castelao ou a Rosalía. Tamén en Trintxerpe, onde Estévez preside o colectivo Daniel Castelao, permanece unha representación importante. Aínda que a emigración galega é hoxe menos importante, restan presenzas importantes. Un exemplo é Masustegui, nas proximidades de Bilbao: residiron máis de 3.500 galegos, hoxe hai máis de mil e José Ramón Losada, de Sobrado dos Monxes, máis coñecido como Pepiño o Gaiteiro, afirma que teñen os grupos de música e danza tradicional galega máis importantes: «Temos 6 gaitas, 2 tambores, 2 pandeiretas, 1 bombo e 1 concheiro; e hai uns 28 ou 30 bailaríns aínda que chegaron a 45», indica. Son «Os agarimos de Masustegui», que teñen actuado en varias localidades vascas.
Gaitas na Igrexa
En Masustegui axudou á expansión do idioma José Martínez, cura de Palmeira, pois «na parroquia de San Gabriel hai gaitas en moitas celebracións», afirma. No bar Lalín é habitual escoitar galego, e hai mesmo veciños que introduciron as nabizas na gastronomía da veciñanza. Tamén na sinalización se indica en galego e en eusquera a estrada principal de entrada a Masustegui.
En Eibar, Ermua, Zarauz, Vitoria -na capital, o centro galego ten importante dimensión e está próximo á sé do Goberno Vasco- Ondarroa, Sestao, San Sebastián, Santurce, Bilbao ou Elgóibar é fácil escoitar o idioma ou asistir a manifestacións da cultura galega, e non falta unha Cofradia da Augardente e a Queimada do País Vasco. Este ano homenaxearon a Concha Murguía, a nai de Manuel Murguía, que era de Oiartzum.