Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Do 1,1% da poboación catalana ao 18% da de Fuerteventura

La Voz

CULTURA

02 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un dos relatorios da Mesa pola Normalización Lingüística fai referencia á situación do idioma en diferentes comunidades de España: en Cataluña é tamén a terceira lingua, e a estimación é que hai máis de 61.000 falantes, que supoñen o 1,1% da poboación total da comunidade autónoma.

Entre 1992 e o 2003, por causa da forte emigración galega ás illas Canarias, que se calcula superou as 38.000 persoas, tamén aumentou o volume de persoas con competencia en utilizar a lingua: «Só na illa de Fuerteventura chegou a haber un 18% do censo de orixe galega», indica o documento.

Tamén en Andorra se conserva aínda un continxente importante. Carlos Callón, presidente da Mesa, lembra que «aínda que a emigración galega non é tan acusada na actualidade como en outros tempos, non se debe esquecer que entre os anos 1989 e 2003 uns 175.000 galegos e galegas foron para o exterior».

Moitos deses galegos reencontran a lingua, a cultura e as tradicións nas entidades organizadas polas comunidades de emigrantes desde hai décadas. Esta situación, que tende a favorecer unha certa cohesión social, non a teñen tan perfilada outras comunidades de inmigrantes que chegaron máis recentemente.