«Nós sempre dixemos que no medio rural non sobraba ninguén»

Benigno Lázare

GALICIA

Tras 18 anos á fronte do SLG, Lidia Senra deixa o cargo convencida de que non perderon capacidade de reivindicación

07 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Dentro dun mes Lidia Senra deixa a secretaría xeral do SLG, que non necesariamente a dirección. Dende que comezou no sindicalismo houbo grandes cambios, pero di que o gran problema é a despoboación e a perda de 87.000 explotacións.

-Tras 31 anos de actividade sindical, ¿que cambiou?

-Pasamos dunha etapa na que os sindicatos tiñan moi pouca presenza á consolidación. No caso do Sindicato Labrego Galego implantouse en todo o país e fomos recoñecidos polas Administracións ata chegar ao momento actual, no que hai un Consello Agrario Galego con presenza das organizacións agrarias, logo dun proceso de eleccións. Tamén hai toda unha traxectoria de traballo que levou ao recoñecemento do papel que temos os sindicatos agrarios.

-As lácteas marcan os prezos, pero xa non hai tractoradas. ¿Suavizáronse as relacións entre as partes ou as formas?

-Creo que non hai suavización nas formas de relacionarse, hai grandes mobilizacións. Non teñen por que ser sempre tractoradas e non hai moito que houbo fortes mobilizacións pola difícil situación de prezos que había. Hai unha mesa constituída no sector lácteo na que se foi traballando e chegando a algúns acordos. Neste momento a situación dos prezos mellorou debido, dunha banda, á situación conxuntural do mercado, e da outra, ao traballo que se fixo. As formas de mobilizarse tamén cambian, pero aínda houbo outro factor negativo, que foi a desaparición nestes anos de milleiros de explotacións, o que incidiu incluso no tipo de mobilizacións que se fai.

-¿A desaparición de tantas explotacións axudou á transformación no campo?

-Eu nunca considerei que houbese un exceso de explotacións. Para xestionar o territorio e para ter un mundo rural vivo compren labregos e labregas traballando en todo o país e vivindo da actividade agraria. A forma máis barata de ter todo o territorio ocupado é ter explotacións agrarias. Gustaríame que algún día se fixese público o inmenso custo social que ten o abandono do medio rural, que se ve, por exemplo, nos incendios forestais e no custo para a sociedade do intento de controlalos. Nós sempre dixemos que no medio rural non sobraba ninguén, pero é certo que houbo unha política agraria moi agresiva, baseando a modernización na competitividade e na desaparición das explotacións, pero iso é unha farsa, porque a competitividade non existe; é a escravitude.

-Hai 25 anos conseguiron que un sector con fama de desmobilizado e individualista saíse ás estradas cos tractores para reclamar melloras. ¿Hai logros equiparables na actualidade?

-O sector agrario non é máis individualista que calquera outro colectivo, pero a dispersión é moito máis grande e é máis difícil xuntarse para organizarse. Insisto en que segue habendo mobilizacións, moito debate e participación da xente. Posiblemente se vexan menos porque somos menos: en 1990 había 100.000 explotacións de leite e hoxe apenas quedan 13.000.

-¿Por que esa tendencia de labregos e obreiros a cuestionar máis aos sindicatos que ás organizacións patronais?

-Creo que é unha tendencia moi inventada e potenciada ultimamente. Pode haber persoas que pensen así, pero a meirande parte da xente que está participando en asembleas e na vida sindical, non ten para nada esa visión.