«Nun Estado de dereito a calumnia e a difamación non poden saír gratis. Na política non vale todo»

GALICIA
A política galega meteuse de cheo na última semana nunha poza; os socialistas esixen responsabilidades polo caso de Gondomar, que está nos xulgados, e os populares veñen de contraatacar cunha suposta trama irregular do PSdeG, na que usaban a Unións Agrarias como captador de fondos para contratar persoas e ampliar con cargo aos recursos públicos os tentáculos do partido. O PP sitúa no cerne da rede a Pablo García, que fora responsable de organización do sindicato, e que agora ocupa o mesmo posto no PSdeG.
-Din vostedes que os populares recorren ao xogo sucio para agochar o caso de Gondomar...
-Eu creo que non lles vai servir para tapalo, pero esa estratexia, inxustamente, si lles é útil para contrarrestar.
-¿Por que di inxustamente?
-Pois porque non é o mesmo o do concello pontevedrés, un asunto gravísimo, que as acusacións que se nos verten a nós.
-¿Por que foi ao xulgado?
-Nun Estado de dereito a calumnia e a difamación non poden saír gratis. Na política non vale todo. Hai unha liña que non se debe cruzar. E o PP escolleu a insidia como xeito de facer política. Xa recorreu a esa estratexia nas pasadas autonómicas.
-Pero eles falan de datos concretos, de sociedades concretas, de axudas cobradas...
-¿E iso que significa? O que non se pode facer é atentar contra a honorabilidade da xente, algo que logo é moi difícil reparar. Non hai probas e colócannos como corruptos. Aínda que lle poñas o presuntamente, o supostamente, o podería ser ou o se cadra, non se pode facer política deste xeito. Atenta contra os principios máis elementais dunha mínima ética.
-Vaiamos ao concreto. Eu preguntáballe polas 25 sociedades creadas por Unións e que cobraron axudas. ¿Iso o entende a cidadanía?
-Se esas agrupacións están constituídas con luz e taquígrafos, con todo en regra, para prestar un servizo finalista, claro que o entende a xente. E máis nunha comunidade con tanto peso rural e coa poboación dispersa. ¿Que hai de irregular aí? Se teñen algunha proba indicativa dun delito que vaian ao xulgado. É a súa obriga. Eu o faría. O que ocorre é que isto é unha trapallada.
-¿E vostede cre que Rueda antonte ou Feijoo onte poñen o seu rostro para defender algo que non se sustenta?
-A eles válelles todo. E pensan que é gratis. Xa o fixeron nas autonómicas. E por iso imos ao xulgado. ¿Como se pode falar dunha trama cando 25 das 28 sociedades foron constituídas cando gobernaban eles na Xunta? ¿Sabíamos nós entón que Ricardo Varela ía ser o conselleiro de Traballo? ¿Pero que clase de broma é esta? A comparecencia de Rueda do mércores é para botarse a tremer.
-¿Por que?
-Cuestionou cousas gravísimas. Eu pregúntome se os agricultores non teñen dereito a organizarse en asociacións para poder optar ás axudas, se non pode haber un militante socialista. O seu discurso, ao máis puro estilo macartista, é tremendo. Os populares colgaron unha lista na súa web na que aparece unha muller por estar casada con alguén que fora nunha candidatura socialista. Eu pregúntolle a Rueda si é un oficial da Gestapo.
- O PP non di so iso. Fala de que as 25 sociedades estaban domiciliadas en Unións...
-Acaso unha asociación de gandeiros ou de produtores de castaña vai ter unha oficina con medios, con ordenador e fax. ¿Non lle poder dar cobertura o sindicato para ese traballo? Di o conselleiro que se pediron as subvencións o mesmo día. Pois claro. Temos xente que traballa niso. E vai coas memorias en bloque. É igual que cando se presentan as declaracións da renda dos gandeiros. ¿Imos ir cada día con unha?
-Hai quen pode pensar que Unións Agrarias crea 25 sociedades para obter unhas axudas que se as pedira como unha soa organización non as podería obter...
-Que o sindicato queira crecer e ter presenza en Galicia para darlle máis servizos aos gandeiros non ten nada de malo. E menos cun programa de axudas finalistas nas que é imposíbel desviar un euro.
-A vostede sitúao o PP nun caso que si está en vía xudicial. O da axente electoral...
-A min acúsanme sempre dende que son secretario de Organización do PSdeG. Antes non me sinalaban.
-Hai persoas que o vinculan directamente nese asunto...
-A min ninguén me chamou nunca a declarar. Claro que falei con Viticultores do Castro. Era o secretario de organización en Unións Agrarias. Eu pregunto por que o PP non me citou como testigo. Entón non era útil. Se hoxe fora o xuízo seguro que me chamarían. En calquera caso este é un asunto xudicial. Xa se deron as explicacións. E o xulgado dirá o que teña que dicir. Pero teño claro que non houbo tal axente electoral.