O monologuista galego estréase mañá en «El club del chiste», de Antena 3, un novo programa diario de humor
14 feb 2010 . Actualizado a las 05:45 h.David Amor rodouse no escenarios de moitos pubs galegos como monologuista. Foi un fixo en programas de TVG e agora dá o salto a unha cadea nacional. O luns estréase ás 21.45 horas El club del chiste , un programa de humor conducido por Anabel Alonso, no que Amor compartirá protagonismo con Leo Harlem, Martina Klein, Diego Arjona e Meritxell Huertas.
-É o seu primeiro proxecto nunha televisión de ámbito nacional.
-Si, é un salto grande, pero habendo avións, non hai problema. Estou moi contento. O luns estreamos e a ver qué pasa.
-Cal vai ser o seu papel no programa. Somos cinco actores que recreamos situacións cómicas. O espazo comeza cunha ficción previa no que se ve o que vai pasar. Logo está o programa en si, presentado por Anabel Alonso, no que contamos chistes. Haberá unha sección con xente da rúa, que poderán demostrar o que valen, e logo están os chistes-vip, que farán famosos e caras coñecidas da televisión.
-¿A vostede por que o colleron?
-Non sei, supoño que pola miña forma de contar as cousas. Todos os que participamos temos estilos moi diferenciados, cada un é do seu pai e da súa nai. Pero tes que pregúntalles a eles.
-Será o representante do humor galego no programa.
-O de contar chistes é unha cousa moi global. Ti lévalo ao teu terreo e tes retranca á hora de contalos. Nos monólogos que fago por alí si que teño un humor moi galego. Cos chistes é mais difícil.
-¿Pensa que hai un estilo propio en Galicia e cre que é exportable?
-Eu creo que hai un humor típico de aquí, condicionado polo que sexa. Si vas falar en Madrid de marcos, no entenden tanto. Eles son máis de lindes. Os galegos temos un humor moi característico, pero perfectamente exportable. De feito hai moitos exemplos, como Luis Piedrahita, Róber Bodegas, Carlos Blanco, Kiko Cadaval, xente que percorren todo o mundo. Hai moitos galegos, cun humor moi galego e que están triunfando.
-E moitos deles traballan en programas de televisións nacionais.
-Eu creo que en Galicia hai unha boa canteira de humoristas. Penso que a TVG axudou moito. É unha televisión que a pesar de ser autonómica, dáche uns coñecementos, a nivel técnico e de funcionamento iguais que unha cadea nacional, se trabaches nela, coma no meu caso. Por iso, é máis fácil de conectar cando chegas a Madrid.
-¿Pensa que hai un repunte dos programas de humor?
-O humor sempre está alí. Creo que é un fenómeno cíclico, incluso uns copian aos outros. Pero parece que agora hai algo máis, non sei se é polos tempos que toca vivir, que a xente ten gañas de rir con tanta crise.
-¿O seu programa ten un esquema parecido a «El club de la comedia»?
-Ao mellor si que ten ese selo, pero é un formato diferente. É moi dinámico e faise moi fácil de ver porque ten parte de ficción, coa serie que se fai. O que si parece un chiste e o comezo do programa. Un andaluz, un catalán, un valisoletano, un arxentino é un galego. Ao haber xente de tantos lados, o espectador sempre atopará algo que lle guste.
-¿E como traballan para preparar o programa?
-Todo por consenso. Hai lecturas de guión en común e todos aportamos cousas.
-¿E de onde saca as historias que conta?
-Cada un ten as súas técnicas. A min gústame todo o que vén do mundo do humor, e consulto moito. Hai cousas que saen de experiencias propias e constrúes unha situación cómica. Outras xorden do directo. Hai traballo puro e duro de sentarte a escribir e outras aparecen no día a día.
-¿Cales son os seus referentes no mundo do humor?
-Nacionais, desde Gila, Eugenio, Tip y Coll; galegos, Carlos Blanco, Cándido, Kiko Cadaval, e internacionais Les Luthiers, Monty Phython, e déixome un montón. Eu creo que no humor todo o mundo ten algo que aportar.