Humor en todos os portos

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ |

TELEVISIÓN

04 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Para mariñeiros, nós

chega hoxe na súa versión completa á pantalla de V Televisión. O programa descobre as aventuras, e case sempre desventuras, dos dous mariñeiros da Costa da Morte Pinto e Cobiñas, interpretados respectivamente por Suso Lista e o seu compañeiro Manolo Cobiñas.

Eles saben ben do que falan. Son mariñeiros na vida real e tómanse a súa dura profesión co mellor humor que poden. Déronse a coñecer na Rede, a través de YouTube, e agora xa están na nova televisión dos galegos.

Todas as estrafalarias historias suceden en Cormariñas, unha pequena localidade mariñeira que lles soará a moitos pola súa similitude fonética con Camariñas. De alí xorden persoeiros pintorescos, caricaturizados por estes dous actores mariñeiros.

O xénero deste programa non ten dúbida. Trátase de comedia, cun humor ás veces negro do que se desprenden situacións e conflitos que viven os persoeiros, moitas veces rozando o absurdo. Para mariñeiros, nós non fuxe da caricatura e dos estereotipos. Hai moitos personaxes que saen nesta tira cómica que lles soarán aos espectadores, e mesmo algúns poden consideralos como próximos.

A maioría dos capítulos desta serie grávanse en portos galegos e contan coa activa participación dos veciños das localidades mariñeiras espalladas pola xeografía da comunidade. Nesta primeira entrega, que chega esta noite a partir das 21.35 horas, poderá verse un trepidante campionato de tute, un enfrontamento co cura que lles quere bendicir a embarcación, un duro adestramento para gañar un combate contra un forte rival ou os problemas derivados dun artigo comprometedor na gaceta da aldea. Os espectadores de V Televisión xa puideron descubrir durante esta semana en pequenas pinceladas algunhas das historias de Para mariñeiros, nós , que se emitiron xusto antes do informativo da noite.

Risas aseguradas con estes dous peculiares personaxes de Cormariñas, sempre metidos en situacións embarazosas.