Xosé Ramón Gayoso: «Onde se está ben é en Galicia, e se aquí está o paraíso, para que moverse?»

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO

AL SOL

Xosé Ramón Gayoso, na romaría da Barca, en Muxía, hai xustamente vinte anos
Xosé Ramón Gayoso, na romaría da Barca, en Muxía, hai xustamente vinte anos JOSE MANUEL CASAL

Veraneando en Galicia | É en agosto cando lle toca descanso e aí entran destinos como Muxía: préstaselle para o diálogo interior

21 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Son un home de orde establecida», di o comunicador Xosé Ramón Gayoso (A Coruña, 1956). Xullo é para el mes de traballo: «O equipo que fai Luar cada venres tamén se encarga do especial de Fin de Ano e do programa do Apóstolo, así que eu ata que lle queimo a fachada ao Apóstolo non baixo o pano», precisa. Explica esta expresión de «queimar a fachada» aludindo a tempos pasados que aos máis novos xa lles quedan lonxe, e iso dálle pé para falar de moitas outras cousas. Por exemplo, do moito que mudan as playlist en poucos anos.

—Toca agardar por agosto.

—E así van 32 anos! É agosto si ou si, guste ou non. E logo esquécete para os 11 meses restantes.

—E lévao ben?

—Como se pode! Pero afeito a ver esa montaña diante. Podes pensar que o Nadal, pero o Nadal é máis traballo.

—Téñolle lido que para as vacacións chégalle con «non traballar» e que elixe quedar por Galicia.

—É que é o mellor sitio. Pásame a min e supoño que ao 80 % da xente, que cando se move en agosto ve todo saturado. Onde se está ben é en Galicia, e se aquí está o paraíso, para que moverse?

—E aí entra, por exemplo, Muxía.

—Encántame, pero é algo que vai máis alá do argumento da beleza da Costa da Morte, obxectivo e incuestionable. A min os lugares gústanme polas persoas, polos sentimentos que me provocan. A miña muller é de Morpeguite. Hai máis de 40 anos, sendo noivos, xa iamos por alí. Gústame a xente mariñeira, de verdade, aguerrida, xente nobre. En Muxía quero e sinto que me queren.

—Paran sempre alí?

—Temos unha familia ampla, un ten vivenda aquí, outro alí... Somos ben avidos, non falta cama.

Gayoso, en Muxía, ano 2015
Gayoso, en Muxía, ano 2015 Ana Garcia

—O seu ritual de chegada a Muxía pasa por ir ver o santuario?

—Claro, si. É moi querido polo pobo e agrádame ese sentimento. Faise a visita física, a espiritual podes facela dende onde esteas. Ademais o paseo é precioso. Se o santuario está aberto, entras, e se non, quedas polas pedras milenarias, que dá gusto. Logo vén o ritual máis pagán, os pequenos santuarios dos bares. Corpo e espírito, hai que facer algo de todo.

—O equilibrio.

—Ai! E a marabillosa praia da Cruz, a praia dos muxiáns. Tal cal os coruñeses levamos Riazor no corazón. Augas limpas, transparentes... As miñas vacacións son vida tranquila, distendida, familiar, xente coñecida. Conto un segredo que se pode contar: eu procuro relaxarme en calquera lugar, pero se algunha noite hai que me custe durmir fago iso que din, o de respirar amodo e pensar nunha paisaxe idílica. Eu penso sempre na mesma: a vista dende Muxía ao cabo Vilán.

—Falaba dos mariñeiros, de saír ao mar. Vostede faino, pesca?

—Eu son máis de poñer na mesa os produtos que eles collen. Adoro a súa valentía, pero aínda que non me mareo, dáme certo punto de inseguridade. Intranquilízame perder de vista a costa, e non é medo, é respecto. Quizais porque como calquera neno coruñés ou da Costa da Morte medrei escoitando cada pouco traxedias do mar. Que traballo! O seu e o dos que traballan nos areais. Pero que xente tan cantarina, tan leda! Quizais ao estar ao pé do mar todo o día queda certo solfexo.

—Vaimos logo á mesa.

—Produto do mar, o que queiras. Percebe en Muxía? Por suposto. Pero teño que dicir que para min son as navallas... Identifícoas moito con Muxía, préstanme. O marisco é unha perdición.

Falangueiro coma sempre, nunha imaxe en Muxía no 2001
Falangueiro coma sempre, nunha imaxe en Muxía no 2001 ANA GARCIA

—Concorda en que hai unha febre por ter que facer cousas seguido, ou ir sempre máis lonxe?

—Cada un ten os seus gustos, e viaxar fóra está ben, hai un tempo para iso, pero eu agora xa non o necesito. As mellores viaxes están dentro de min, as mellores viaxes que fago son ao meu interior. Son o meu mellor amigo e o meu peor inimigo. Gústame estar, discutir e dialogar comigo.

—Muxía préstaselle para iso?

—Totalmente. Por máis que o teu traballo che guste, como é o meu caso, ocupa moito no día a día. Eu nas vacacións deixo de traballar, de pensar en artistas, escaletas ou planos. Dedico ese modo repouso a cultivar o meu propio campo de labranza, como eu digo.

—É de ler?

—Para entretemento, de toda a vida, novela negra. Pero tamén me gustan eses autores que lle dan voltas á cabeciña, como Stefan Zweig. A lectura identifícoa co descanso incluso máis que a música, que por razóns obvias deveu máis profesional. No persoal gústame a música de autor, a instrumental.

—A Barca non a perde.

—Tócame o corazón, forma parte desas lembranzas que me levan a momentos bonitos da vida. Asumo que será diferente a cando ía e non me coñecía ninguén. Tampouco vou a moitas romarías, para min cada día é unha, paro coa xente, son falangueiro.

—Ten fotografías súas en Muxía?

—Haberá moitas, pero nos móbiles da xente! Eu en Muxía son máis fotógrafo ca fotografado.

Gayoso recibiu no 2022, de mans de Xabier Díaz, o premio Bo e Xeneroso de Honra da Fundación Pondal
Gayoso recibiu no 2022, de mans de Xabier Díaz, o premio Bo e Xeneroso de Honra da Fundación Pondal ANA GARCIA

—Lembra cando logo da primeira tempada de «Luar» se preguntaron se daría para unha segunda?

—E van 32! É un orgullo pensar que o programa contribuíu algo a amosar o patrimonio musical galego, a ser un escaparate, con ese binomio artistas-público. Na nosa terra non se lle deu valor ao que temos, houbo ata indiferenza: a tele axudou, pero a traxectoria dunha sociedade non cambia en 40 anos. Estamos no camiño.