María Soa, de Fillas de Cassandra: «Todo o mundo cantou en inglés toda a vida, como non vai entender o galego?»

m. rey / r. d.

AL SOL

Sara Faro y María Soa, Fillas de Cassandra.
Sara Faro y María Soa, Fillas de Cassandra. Candela Lora

O dúo actúa o venres ás 21.00 horas no festival Noroeste da Coruña

07 ago 2024 . Actualizado a las 18:04 h.

O venres ás 21.00 horas, o dúo musical galego Fillas de Cassandra visitará a praia de Riazor, na Coruña, dentro do festival Noroeste. A agrupación viguesa, composta por María Soa e Sara Faro, declara que ten preparada unha actuación para pasalo ben.

Aínda compoñendo a súa música en galego, a acollida fóra de Galicia é superboa. «Chegas a Madrid ou a Barcelona e é unha pasada ver como se enchen as salas —sinala María Soa—. Non é soamente que a xente veña ao concerto, é que ten que pagar unha entrada e ten que tomar a decisión de ir. Comparado co ano pasado, que viña moita xente, este ano veu esa xente cos seus amigos». Ilusionada, relata que o máis positivo é que «todo o mundo canta, todo o mundo quere aprender galego. A música transcende, e o idioma tamén. Todo o mundo cantou en inglés toda a vida, como non vai entender o galego?». Mesmo ofrecen concertos fóra de España, como os que recentemente deron en Marrocos.

Con ganas de actuar no Noroeste diante do público coruñés, a súa máxima é pasalo ben. «Co frenetismo de todos os concertos, temos chamada pendente o luns para organizar a fin de semana, que é superimportante, porque o do Noroeste é xenial», di.

Comenta, ademais, que teñen algunhas cousas na cabeza: «A ver se poden saír. En principio, e coma sempre, hai que levar as últimas cancións para que sexa un festexo da leche. Ademais, temos moitísimas ganas de tocar na Coruña, que o público sempre nos trata cos brazos abertísimos de apertas. Si, festexar por todo o alto».

Entre concerto e concerto, seguen preparando temas para non deixar de sorprender. «É verdade que agora mesmo temos bastantes cousas na cabeza que queremos sacar, pero para un proxecto grande temos que consumir cultura para idear cousas novas, e falar entre as dúas. Pero tamén ter tempo para descansar e para repousar as ideas. Iremos sacando cousas moi interesantes que nos apetecen moito, pero algo moi grande ten que esperar un pouco máis», declara.

O seu último sinxelo, Escarnio, promete ser un hit do verán. Nel intentaron «facer unha liberación da ira, do proceso humilde de pasar por ter ese sentimento. É un canto para liberala», explica.