Un ano antes de comenzar a década dos sesenta, e logo de ter pasado fugazmente por Variedades outros cantantes como Manuel Noriega e Carlos Covelo, entrará como vocalista Carlos Díaz Mariño, O Caroliño, sen dúbida o gran tenor da orquestra, que marcou toda unha época, convertóndose na voz máis admirada durante 43 anos. Os grandes éxitos serán: Campanero jerezano, La Salvaora e Granada , de Agustín Lara, entre outros moitos. Nestes anos tamén ingresará en Variedades o máis novo dos irmáns Dablanca, Óscar, e, xa a mediados da década , en 1965, entrarán catro instrumentalistas da desaparecida orquesta Amor: Manolo Barreira, Juan Parapar Cervo, Luis Fraga e T. Ginés García, autor do coñecido bolero Viveiro . En canto ao repertorio destes anos, podemos destacar as versións de cumbias da venezolá Billós Caracas Boys: Tres Perlas, Palmira Señorial, Casa de Fernando, Punto cubano, etc. O Carolino «calcaba» a Cheo García, o cantante de Billós. Os anos setenta Os anos setenta viñeron a ser unha continuación da etapa anterior cunha formación musical establee lonxeva, pero sempre na vangarda artística e técnica, como demostra o feito de dispor dunha amplificación Semprini, igual a que utilizaban Albano e os Tamara. A medida que se ían retirando os músicos máis veteranos, pasarían a formar parte da orquestra diversos sobriños da familia Dablanca, reforzándose aínda máis o carácter familiar da Variedades, feito que non excluía a incorporación doutros músicos máis novos que destacaban na banda municipal ou noutros conxuntos musicais viveireses. Nestes anos foi moi sonado o Show Mariachi de música mexicana, cantando a dúo O Carolino e Marucho rancheras de Chavela Vargas, Vicente Fernández e outros compositores. Ademáis, interpretábanse os grandes éxitos dos Tamara con cancións como Morriña ou Galicia Terra Nosa .