Fernández lembra que no 2002 foi o ano no que se celebraron máis enterros, 92
01 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Bernardo Fernández Carrete (Viveiro, 1967) seguiu os pasos do seu pai e xa leva dez anos como enterrador no cemiterio municipal de Altamira, en Viveiro. A experiencia deste viveirense nado e criado na rúa de Gabeiras, en pleno corazón do casco histórico, está baseada tamén nas vivencias de cando era neno, vivencias que lle permiten asegurar que o seu traballo «non é fácil se non estás familiarizado con este mundo».
-¿Que o máis complicado do traballo de enterrador?
-O máis difícil é sacar os restos, sobre todo cando se trata de persoas coñecidas ou de menores. -Pero ademais de enterrar vostede ten outras funcións... -Teño que atender e manter as instalacións. Nun cemiterio xérase moito lixo. Teño que baleirar unha ducia de colectores como mínimo dúas veces por semana. Despois, cando chega esta época, o traballo aumenta considerablemente. Tamén lle hai que prestar atención ao público, asesoralos dos trámites que teñen que seguir para cambiar un cadáver e doutras cousas. Agora está todo completamente regulado e non é coma antes. -¿Que superficie ten o cemiterio municipal? -Non lle sabería dicir, pero nunha foto aérea da zona pódese ver que o cemiterio é máis grande que o barrio de Pénjamo. -¿E que capacidade ten actualmente? -Cero. Hai unha lista de espera moi grande, pode haber un cento de persoas agardando. Temos bastantes propiedades de descoñecidos e tamén de xente emigrada coa que é difícil contactar. Agora estamos esperando a que se execute unha ampliación do camposanto. -¿Son nichos en propiedade? -Agora son por concesión administrativa, por 25 anos, e con posibilidade de renovar. -¿Cantas propiedades pode haber en Altamira? -O meu pai entrou no ano 1974 e preocupouse de levar un rexistro exhaustivo. Cando me incorporei tamén me preocupei de informatizalo e pódolle dicir que actualmente e contando os enterros de hoxe (venres 30) levamos contabilizados 2.358. Desde mediados da década dos setenta podo asegurar que o ano 2002 foi cando máis enterros se celebraron, un total de 92, dos que 41 foron de varóns, cunha media de idade de 70 anos, e 51 eran mulleres, cunha media de 80 anos. En termos xerais, a media de mortes por ano oscila entre os 60 e os 70. Entre o ano 1991 e o 2000 rexistráronse 681 mortos, foi a década con máis pasamentos. -¿Notan vostedes que medra a poboación en Viveiro? -Nós detectamos que moita poboación é flotante porque cando morren vanse enterrar ás parroquias do municipio, de onde proceden. -Os anos de experiencia permitiranlle identificar cambios nas tradicións á hora de acudir aos cemiterios... -Unha das cousas que máis se notan é que a mocidade non participa nin asiste aos enterros, a non ser que sexan da familia. Despois, cando chegan estas datas, asisten aos cemiterios case por obriga.