Os baños de setembro

Marco López

A MARIÑA

03 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Perigo, non hai bandeira. Así terán que actuar os bañistas que queiran ir á praia este mes de setembro, xa que en Xove o goberno local limitou os contratos dos socorristas a dous meses en troques dos tres meses que eran contratados ata o de agora. Unha medida unilateral que impedirá ver bandeiras verdes, amarelas ou vermellas nos areais de todo o noso concello.

Esta nova situación nas praias xovenses faime recordar aqueles antigos baños marítimos que as mulleres labregas adoitaban tomar no mes de setembro, unha vez finalizados os labores do agro. As carrachentas, canónigas, poubanas ou mantidas adoitaban mergullarse na auga salgada entre sete e quince veces, nun ritual que hoxe cualificaríamos de «tratamento preventivo por prescrición médica» e que naquela época recomendaban médicos e curandeiros. Contan os máis vellos que algunhas labregas da Rigueira acudían á praia de Bidueiros, onde aliviaban as doenzas dos ollos e a reuma, ademais de camiñar pola area para mellorar a falta de circulación. Eran mulleres dun tempo no que non existía a posibilidade de apuntarse a espléndidos balnearios con circuitos de augas termais subvencionados pola Administración.

O feito de que en Xove non vaiamos ter servizo de socorristas nas nosas praias en setembro trátase dunha decisión política errada. E máis aínda cando desde o goberno local non lles treme a voz ao achacar esta decisión á crise económica. Unha escusa, a da crise, que se está tornando en desculpa -comodín e que non tiveron en conta cando en xuño os políticos que conforman o executivo municipal acordaron, tamén de xeito unilateral, subir os seus propios salarios un 26% de media. Non é certo que todos sexamos iguais. Hai outra caste de políticos que entendemos prioritaria a seguranza dos nosos veciños e pensamos que as tarefas que realizan os socorristas son tan importantes como outros servizos básicos que ofrecemos desde o noso concello. Sentímolo moito, pero este ano en Xove acabouse o verán antes do 23 de setembro.