Erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría

ASOCIACIÓN CULTURAL AZOU, RIBADEO

A MARIÑA

06 dic 2013 . Actualizado a las 22:40 h.

Vermello, verde, lila, azul e branco. A nosa estrela ten as cores diversas das loitas e dos soños que fixeron avanzar a humanidade. Miramos e construímos a utopía, camiñamos cara ela desde esta terra e este tempo. Con Castelao: «Hai unha forza que nos empurra cara o mundo e outra que nos xungue á terra nativa».

Somos de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Do London Calling de The Clash. Da Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia de Lois Pereiro. Bailamos co Anticapitalista de Skip&Die. Coa Love Jihad versionada por Bette Pardo & Laura Pazos. Cos Túzaros e Negu Gorriak e Los Chikos del Maíz. Con Boris Vian e Saramago e Aimé Cesaire. Non somos, non queremos ser, da Europa branca do capital, senón do mundo diverso, erguido, en pé, d`As nacións escuras de Vijay Prashad.

Tomamos clara e abertamente partido: República Galega. Soberanía desde o pobo, democracia real, dereitos sociais e nacionais, liberdade. Recoñecémonos no mundo que está por construír: nos feminismos, na diversidades cultural, lingüística, sexual, no ecoloxismo, no respecto fronte á tolerancia, na xustiza fronte a caridade, na creatividade activa fronte ao consumo pasivo. Asubiamos, caixando cara Porcillán, a Redemption Song de Bob Marley.

Interésanos a cultura. A nosa e a dos demais. Pensamos que alimenta, nutre, fainos mellores. Queremos máis, e facela máis nosa. Debater, aprender, discutir, ver, escoitar, falar, despreguizar os músculos e as neuronas. Esixe un esforzo, que facemos con gusto porque recompensa. Interésanos o sitio onde vivimos e interésanos o mundo enteiro, que é tamén noso. Imos facer cultura. Xuntámonos para iso. Nun sentido amplo e aberto, social, político, na liña azul e diagonal do futuro diferente que queremos. Haberá a quen non lle goste, contamos con iso. E dános igual.

O futuro que queremos está por facer. Bailamos rocksteady con Alton Ellis, queremos unha revolución coa que bailar, coa que compartir. Defendemos a alegría. Movémonos ao ritmo das habaneras de Ribadeo, coa cadencia soul das Panteras Negras, coa axilidade verbal dos regueifeiros, cos sabor das comidas feitas nas cociñas de leña. Temos, con John Berger, a esperanza entre os dentes. E sorrimos. Sorride, é maneira máis amábel de ensinar os dentes ao

inimigo. Organizamos a raiba, defendemos a alegría.

Pero temos pasado. E ese pasado ten nomes. Busca no google: Mariví Villaverde, Joaquina Dorado, Dora Carcaño, Teresa Alvajar, Corona González, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, Claudio Pérez Prieto, Moncho Reboiras. Ten perfumes nacionalistas, socialistas, comunistas, libertarios, republicanos. Desde eses nomes erguemos a dignidade, a memoria colectiva, o orgullo de defender todas as causas xustas. Na palestra, nos libros, nos roteiros, nos concertos, na cociña, nas exposicións, nas radios libres, nos debates, no deporte, na creatividade.

(...)

Somos do país de Remakers, de Marful, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, de Caxigueiro, de Sés, de Uxía, de Ex Tension Agraria, de Stop Desafiuzamentos, de Fernando Vázquez, de Galiza Ano Cero, da Gentalha do Pichel, de Siareiras Galegas, de Ataque Escampe, do Novas da Galiza, da Plataforma pola Defensa da Sanidade na Mariña, de Nunca Máis, de Mariña Patrimonio, de Francisco Lanza, do Eido Dourado, de Martín Codax, do Sermos Galiza, do Xove Nuclear Non, de Baldaio e das Encrobas, de Xosé Chao Rego, da Irmandade TV, das Candongas do Quirombo, do

Libro dos Amigos, de Galiza pola Soberanía, ...

Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, coa política convencional rendida ao poder económico, coa corrupción instalada no corazón da xustiza, do empresariado, dos medios e da monarquía, coa xente sendo expulsada das súas casas polos mesmos bancos que estafan milleiros de cidadáns, hoxe, neste escenario, dicimos, é necesario erguer novamente os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o abaixo diverso, transformador e indignado, o futuro que está por vir.