Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A historia «da familia chilindrina» a través de máis de mil alcumes

Mar García Balseiro
MAR G. BALSEIRO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

José A. Abella Albo edita un libro cos sobrenomes da xente de Celeiro

04 may 2014 . Actualizado a las 07:04 h.

-E a vostede, ¿por qué o coñecen por Machote?

-Hai Machote de Celeiro que son eu, hai o de Viveiro e hai o de Covas. No meu caso puxéronmo de pequeno na escola, creo que foi un día en que Carlós Adrán substituía ao seu pai que era o mestre. Daquela o encerado estaba sobre un trípode e Carlos dixo que o que se subise e se tirase abaixo era un machote. E fun eu. Desde aquela.

José Antonio Abella Albo é o autor do libro Alcumes de Celeiro, que dentro de poucas semanas verá a luz e permitirá aos chilindrines, sobrenome celeirense, coñecer a historia das súas familias a través destes sobrenomes, «que ás veces gustan, e outras non, pero que están aí, para ben ou para mal».

Abella, que naceu na Candieira, en pleno corazón de Celeiro, meteuse nesta aventura tras pasar una tarde cun familiar recordando os alcumes dos seus conveciños. «E conseguimos 500». Empezou a subilos ao seu perfil de Facebook, e ao grupo «Eu tamén estou namorado de Celeiro», e unha amiga de San Cibrao, Mari Carmen, emprazoulle a lanzar a pregunta «¿E ti de quén ves sendo?». A xente respondeu enviando fotografías antigas cos nomes dos protagonistas e os seus correspondentes sobrenomes. «De aí saíu o libro da gran familia chilindrina».

Abella estruturouno en tres partes. A primeira recolle os máis de mil alcumes por oden alfabético da A á Z; a segunda parte será grafica, cos 90 ou cen imaxes enviadas polos celeirenses desde distintas partes do territorio, «fotografías en branco e negro, moitas de xentes que non coñecín, e oe hai cada muller preciosa en Celeiro...». Para rematar, as anécdotas vinculadas ás orixes dalgúns dos alcumes recollidos.

A pesar da insistencia, o autor prefire non destacar ningún pero xa advirte entre sorrisos que «hai cada un tremendo, dá gusto lelo porque dá risa».

Carlos Nuevo Cal, o cronista oficial de Viveiro, será o autor do limiar da publicación, que sairá se non hai complicacións coa edición, en xuño. Calcula que uns 250 exemplares, pero o éxito do libro, un retrinco máis da memoria histórica de Celeiro, está asegurado, e aínda sen saír xa á rúa, o autor xa está a traballar nunha segunda edición que promete saerá «revisada e ampliada».