Pedro Reimunde: «En Camerún pensei en usar o fútbol para chegar coas campañas de saúde»

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O cooperante de Alfoz prepara dous novos proxectos coa ONG Zerca y Lejos

13 may 2014 . Actualizado a las 15:40 h.

O alfocense Pedro Reimunde pecha hoxe un capítulo da súa vida, como profesor de rehabilitación neuropediátrica na Universidade da Coruña para trasladarse ao Hospital Universitario Central de Asturias a facer a residencia en neurociruxía. Na Coruña despídese con unha conferencia sobre cooperación, un traballo que o apasiona e ao que adica parte da súa vida.

Fai un mes retornou de Camerún e en outubro ou novembro, en canto teña as primeiras vacacións en Oviedo, quere voltar a África, a Etiopía. para traballar con unha ONG que se dedica á rehabilitación neuropediátrica.

Non é o único proxecto de futuro que tece como cooperante. Ten dúas iniciativas presentadas á ONG Zerca y Lejos, coa que estivo en Camerún, coa idea de poñelas en marcha nos meses vindeiros. Unha delas ten que ver co fútbol, un deporte que ten practicado moito Reimunde: «En Camerún a xente xoga moito ó fútbol. Á tardiña cando remataba o traballo eu xogaba con eles e vin claro, sen saber apenas francés nin as súas costumes, que a través do fútbol podía chegar a eles máis fácil. E pensei en usar o fútbol para chegar aos nenos e para facer campañas, sobre todo de educación para a saúde», conta este cooperante. O que se propón é coñecer como se estrutura alí ese deporte, coñecer as ligas, equipos, adestradores e interesalos no proxecto. Aportaría material deportivo, involucrándose na organización de ligas, levando alí algunha figura do balompé e usar así o fútbol como medio para chegar á xente de maneira más eficiente e privilexiada. «O tempo que estiven alí ía falar como médico, tiña unha posición determinada, me vían como algo superior e con recelo. Pero xogando eramos todos igual, nos abrazabamos, celebrabamos..».

O outro proxecto vai centrado na rehabilitación. Conta que si aquí a un discapacitado lle costa integrarse, alí moito máis. Incluso hai casos nos que están marxinados social e moralmente, algunhas veces mesmo consideran aquela discapacidade como un castigo por algo que fixeron. O seu obxectivo é identificar os casos; valoralos, dando un diagnóstico de cada un; ver qué programa de rehabilitación se pode aplicar en cada caso e facelos útiles para a sociedade. A súa ideas é desprazar alí algún fisioterapeuta que forme ós cameruneses no seu medio para que sexan eles os que atendan á xente na súa casa, no seu entorno familiar, sen que teñan que desprazarse.

Pola súa parte intentará recadar fondos para axudar a impulsar estes proxectos. Ten en mente facer unha exposición das fotos que fixo no Camerún para vendelas e dedicar o diñeiro desas ventas aos proxectos. E ademais, está axudando a preparar unha guía clínica para axudar aos médicos que vaian alí como cooperantes, encárgase de dinamizar a web de Zerca y Lejos e están formando novos voluntarios. Da súa estancia recente no sureste de Camerún di que está «moi contento».