De pequeno quería ser astronauta e hoxe dirixe unha prolífica institución social e cultural
25 may 2014 . Actualizado a las 20:05 h.«Son da xeración do Cola Cao», di Antonio Álvarez Neira (Viveiro, 1966), ou "Dosi" por herdanza familiar que é e como o coñecen todos. Un argumento co que rexeita o café e opta pola auga mineral sen gas na charla compartida na cafetería Cantábrico, e na que sobre todo se fala de música, en todas as súas facetas. Desde os gustos persoais ao impacto social e cultural que ten o Conservatorio Profesional de Música que dirixe e incluso do poder de atracción do Resurrection. Cando era neno quería ser astronauta, pero se converteu en músico; da trompeta á guitarra eléctrica, foi alumno do conservatorio que agora dirixe, e ao que a crise, asegura, non minguou alumnado. «Ao contrario, como adoita pasar sempre, cando hai crise os pais fan un esforzo no que ten que ver coa educación dos seus fillos», asegura. Ademais dirixe o coro da institución, máis que un grupo, que cultiva éxitos combinando programa e diversión. Xa se sabe que cando a alguén lle gusta o que fai transmíteo aos outros. «Viveiro sempre foi sinónimo de música», afirma.
-¿ Vostede de pequeno xa quería ser músico?
-Unha vez preguntoume o meu pai que quería ser de maior, se cura ou músico, e eu díxenlle que cura nunca.
-E acabou sendo músico
-Eu quería ser astronauta. (Risas) Na miña familia non había tradición musical, como moito cando viñamos da aldea cantabamos algunha canción no coche. A miña afección empeza vendo á Banda de Música de Viveiro desde o balcón de casa. Só lles vía os pés porque era pequeno, pero os escoitaba. Despois aos 7 anos o meu pai levoume á escola de música de Viveiro e tiven como profesor a don Alfonso Mariño. Empecei coa trompeta e aos 10 ou 11 anos na banda. A música é co que me gaño o pan, pero forma parte da miña vida.
-E os seus fillos seguen a súa estela musical
-Si, Mada é mestra de música en Primaria, e Bruno estuda composición e guitarra. Pero a miña muller, Magda, di que a eles a música chégalles non só polo seu pai, senón tamén pola tradición da súa familia, os Gómez, daorquéstra Variedades.
-E iso lévanosá longa tradición de músicos que deu Viveiro.
-Agora xúntase a profunda tradición que hai en Viveiro coa moda de facer música, de cantar nun coro... No Conservatorio coinciden agora varias xeracións, pais, fillos e netos. Viveiro sempre foi sinónimo de música. Antes de ter o Conservatorio, coa escola de música, o obxectivo era tocar na Banda, e de alí xurdían instrumentistas de vento que agora escasean. As orquestras nutríanse de instrumentistas de vento porque estaban orientadas cara ás antigas big bands. Agora a moda está nos grupos de pop-rock, ou co Resurrection, os de hardcore. Antes os propios músicos formaban as orquestras pero agora en Viveiro só quedan dúos ou tríos que tocan nas vodas e unha orquestra, hai outro tipo de grupos.
-O Conservatorio é toda unha institución. Sempre se fala do perigo de que desapareza
-Si, é difícil imaxinar Viveiro sen o Conservatorio. Porque ademais de formar alumnos profesionais ó os que simplemente asisten para gozar aprendendo música, dinamiza moito a vida social e cultural de Viveiro. Un exemplo, en xuño do ano pasado os grupos do conservatorio fixeron 19 concertos na rúa, no teatro...ao longo do ano case todos os meses hai concertos en Viveiro e tamén pola comarca. Neste momento ten 24 profesores, a metade funcionarios e a outra metade laborais. Están matriculados 275 nenos e adultos uns 91. Que o Conservatorio pasase á Xunta sería un beneficio para os traballadores, para o Concello que asume un custo moi importante, e tamén para os alumnos que verían como se reduce o prezo das matrículas, xa que lles custa cinco veces máis cara que nos centros que son da Xunta.