Maruja Mallo no Museo de Lugo

AURELIA BALSEIRO, MUSEÓLOGA E DIRECTORA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

A MARIÑA

07 mar 2016 . Actualizado a las 13:39 h.

Cando en 1995 a Deputación de Lugo publicou o libro ?Maruja Mallo. La gran ignorada en Galicia?, o subtítulo era un feito que por esa década comezaba a mudar porque estábase a redescubrir a esa gran artista nada en Viveiro en 1902 a través de recoñecementos como o de 1991 da Xunta de Galicia ou de antolóxicas como a adicada no CGAC en 1993. A finais do s. XX e principios do XXI virán outras retrospectivas en Galicia xunto con estudos e investigacións sobre a súa vida e obra para que na súa terra de nacemento ocupara o lugar que ben merece na historia da arte galega contemporánea.

Non obstante, no caso de Maruja Mallo, como moitos surrealistas, o personaxe engule á artista e ela era máis coñecida pola súa vinculación coa xeración do 27 e polas súas ?perfomances? que pola súa categoría artística. Realmente hoxe é apreciada tamén como unha muller transgresora que interpretou as vangardas dun xeito polifacético, turbador ou extravagante para aqueles intres, pero en todo caso, cunha concepción artística tan moderna que segue a estar plenamente vixente nos creadores actuais. Maruja foi unha muller pioneira que tralo seu exilio foi premeditadamente olvidada na época da posguerra no seu país, a pesar de que o seu éxito continuou en América. Cando nos anos sesenta volta a España atópase menos recoñecida do que debera ser ou estar.

No Museo Provincial de Lugo consérvanse seis obras súas (cinco óleos e un debuxo), todas elas visibles na exposición permanente dende 2009, ano no que se acomete unha reforma do discurso expositivo da sección de arte galega contemporánea incorporando todas as pinturas de Maruja Mallo. Porén, podemos apreciar a cotío as súas cualidades como pintora dende que foi pensionada pola Deputación de Lugo (1926) ata as dúas últimas obras (de 1930 e 1969) que adquiriu esta institución pouco despois da súa morte.

Ademais da súa presenza artística constante no MPL, na nosa programación cultural e didáctica Maruja Mallo está sempre presente ano tras ano a través de charlas, mesas redondas, publicacións, unidades didácticas, exposicións temporais e mostras colectivas, etcétera, polo que no Museo de Lugo Maruja Mallo segue viva.