Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Aquí todo é artesanal, tanto doce como salado»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

O persoal da Panadería Torviso, no seu primeiro día de traballo onte en nova ubicación.
O persoal da Panadería Torviso, no seu primeiro día de traballo onte en nova ubicación. x. f. ramallal< / span>

A rúa Reinante é a nova ubicación do local que fundara en 1948 Manuel Torviso

15 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o ano 1948 cando Manuel Torviso Barata poñía no que nos anos 40 era coñecido como Horno del Rato en Ribadeo a primeira pedra dun negocio familiar, Panadería Torviso. Choveu moito dende aquela e vai xa pola terceira xeración, na persoa de Manuel Franco (Ribadeo, 1988), que traballa na empresa da que actualmente é titular a súa nai, María Asunción Torviso Pérez. Tras falecer o fundador, a súa avoa Jimena Pérez Alonso tamén soubera estar á fronte doutra etapa de actividade no local ribadense.

-¿Cal foi o motivo do traslado de local agora, dende o 1948?

-Foi un traspaso pero para min non é algo novo, porque levo moitos anos traballando aquí. Realmente é coma un lavado de cara, pasando a outro local máis céntrico. Antes estabamos algo a desmán e agora nunha rúa máis de paso. A dirección orixinal da Panadería Torviso foi a rúa José María López.

-Hoxe [por onte] foi o primeiro día do cambio. ¿Algún cliente despistado nesa xornada, que sen querer foi á antiga dirección?

-A clientela está familiarizándose co novo lugar pero na ubicación de abaixo xa puxemos un cartel avisando. Pouco a pouco.

-A panadería fundouna o seu avó, tamén chamado Manuel. ¿Lémbrao facendo pan?

-Eu non cheguei a coñecer a meu avó pero, si claro que lembro a panadería con meus pais. Xa de neno andaba polo medio.

-¿As súas especialidades?

-O pan feito en forno de leña é a nosa especialidade, pero tamén a empanada. Seguimos coa mesma tradición e utilizando os mesmos ingredientes.

-¿Gústalle á xente o seu pan?

-Tería que dicilo a xente.

-As empanadas, ¿de que son?

-De bonito, carne, zorza, polo, zamburiñas, sardiñas tamén...

-¿Algún segredo para sacar un pan tan rico e que gusta?

-(Ri) Iso é a marca da casa.

-Tamén teñen respostería.

-Por exemplo a típica bola de roxós, tarta de marzá, bolos de leite, magdalenas, biscoito... todo artesanal, intentando preservar como o faciamos antes. Ofrecemos tanto doce coma salgado.

-¿A que hora adoita levantarse?

-Ás cinco da mañá. Antes o que facía era máis ben repartir.

-¿Algunha anécdota vencellada ao reparto a domicilio? Non sei se lle pasou algunha coma os carteiros, que saia un can...

-A verdade é que por aí moi ben. O meu reparto é practicamente polo casco de Ribadeo, por bares, pero tamén collemos case ata Piñeira, repartindo por algunhas aldeas ribadenses.