Querido D. Enrique:
Mentras vostede atopa a ise Deus, xusto e misericordioso, e no seu colo recibe o aperta garimoso de Aquel que alumó sempre a súa vida e o levou polos vieros disa ciencia filosófica como é a Teoloxia, aquí seguimos nós, orfos agora da súa sabiduría e cariño, e coma Dióxenes coa verdade, na procura tamén dise Deus de amor e paz niste mundo absurdo nos que nos toca vivir. Hoxe, para os seus amigos, que somos moitos e variopintos, poideran ser días de néboa e tristura polo seu pasamento, non embargantes, sabemos tamén que nos claustros da catedral de Mondoñedo, onde agora lle damos sepultura, mana xa unha fonte, sí, coma a do seu benquerido Cunqueiro, e trageranos, a máis de información para milleiros de investigadores, as verbas claras, precisas e sabias das que persoalmente levo disfrutando desde neno, e logo na compaña de Maika, con quen felizmente me casou.
Son, querido lector, tántas e tan fermosas as vivencias compartidas con D. Enrique, e tántos e tántos os exemplos e agasallos recibidos da súa xenerosidade, que podería escribir moitísimas anécdotas diste prelado do Papa, dise investigador medievalista de tánto e recoñecido prestixio, diste Home Rector do seminario de Mondoñedo, diste Home medalla de Ouro de Galicia... dise amor tan profundo e tan sincero por Mondoñedo, isa Terra que recíprocamente sinte verdadeira devoción por él - non hai como recordar o seu recente homenaxe- sen olvida-lo seu Galdo natal-verdadeira institución- e o mismo Viveiro, onde espero sexa recoñecido como fillo predilecto, aínda que sexa a título póstumo. Aló van o coche do Lorito, a pensión dos Meilán, os anos de seminario... tantas e fermosas cousas que ata aprendín que Merlín é de Cabanas, andiven polas terras de Miranda e cantei «As mil primaveras». Aló vai D. Enrique a abrazarse con D. Jaime Cabot, a quen moitos consideramos santo. Aló van as sabrosas troitas na Casa do Valeco e a conferencia que compartimos sobre Leiras Pulpeiro... Acó quedamos orfos moitos: Paco, Carmiña, Mari Carmen, Toñito... ¡Tántos! Máis en Mondoñedo, cando o tempo vista de bágoas a cidade, cecais só sexan os meus ollos, volveremos a beber alí, nisa fonte de auga limpa dos claustros, e seguiremos a falar con vostede porque sabemos que nista néboa de tristura da nosa vida necesitamos unha estrela que nos fale do Alén.