Restaurador e coleccionista de coches clásicos«Ás veces vou tomar os viños con el. É cómodo, porque fanche sitio para aparcar»
01 jun 2016 . Actualizado a las 13:48 h.«A meu irmán, Armando, e a min gustábanos os coches americanos e atopei un nun desguace que me encantou. Comprámolo, restaurámolo e leveino na miña voda». Así de sinxelo. Foi un Cadillac do 73. Outro de 1950 luce impecable no taller de Automóviles Porta Norte en Ribadeo. Os seus propietarios son Alberto Rodríguez Calvo e seu irmán Armando, donos tamén de Talleres Armando en Foz e Xove, que teñen a afección de coleccionar e amañar coches clásicos. ¿Un luxo? Quizais. «Ese Cadillac non sei o que me custou. Moito, porque daquela estaban en pleno auxe. Foi polo 2004 ou 2005. Agora temos outro Cadillac , un Renault Alpine, un Renault 17, unha Montesa clásica e un Seat 1.500», di.
-¿E que fan cos coches? Coleccionalos, amañalos, vendelos...
-De todo. Algúns os amañamos e quedámonos con eles; outros restaurámolos para clientes. A base de ir amañando estes coches a xente vaite coñecendo e xa te chama para que os restaures. Agora en concreto estamos amañando un Hillman, que un coche inglés... que vale un pastón.
-E este Cadillac do 50, ¿canto pode valer?
-Tal e como está uns 40.000 euros.
-¿Compensa economicamente?
-Non compensa nada. Faise por paixón. Este coche (di referíndose ao Cadillac do 50) custou máis restauralo que o que vale o coche.
-¿E podes conducir con eles con normalidade polas estradas?
-Si, perfectamente. Están todos como históricos, con ITV e seguro.
-¿E vostede o usa?
-Si, para ir tomar os viños... pero andas pouco porque son coches moi delicados e tes medo a que lles dean un golpe.
-Un Cadillac do 50 para ir tomar os viños...
-Pois si. Ademais, ten a vantaxe de que cando chegas e te ven fanche sitio para aparcar. Aparte diso tamén os usamos en moitas vodas.
-¿E para conseguir as pezas?
-Sen problema. A cultura do coche clásico en Estados Unidos está moi arraigada. Son relativamente baratas, o que é caro é traelas.
-Xente que ten coches antigos na casa gardados, ¿que lles recomendaría?
-Que os amañen. A maioría dos coches se poden amañar. Claro está, o prezo da restauración dependerá do estado no que se atope o coche e canto máis tempo leve parado, peor é. Eu unha vez comprei un Renault Ondine e estaba tan mal que non puiden amañalo. Non merecía a pena.
-Cada coche terá a súa historia.
-O Cadillac do 73 compreino nun desguace. Foi dun alto cargo da base americana de Rota. O outro Cadillac veu de Holanda. E regaleille os dous ás miñas sobriñas. Agora cada vez que os collo teño que pedirlles permiso.
«Cada coche ten a súa historia. Este
foi dun alto cargo
da base americana de Rota»