Onte, hoxe e mañán, por Miguel Sande

A MARIÑA

27 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

omezo a escribir este artigo sen saber o resultado final das votacións. Ía agardar, pensaba esperar ata a noite para coñecer con certeza os representantes elexidos pola provincia e facer unha análise comparativa, como sería lóxico, pero onte ás 19.45 ?quince minutos antes de que pecharan os colexios electorais- cambiei de idea. Nestas páxinas de información locais e xerais xa teñen vostedes todos os datos e declaracións duns e doutros.

Hoxe á mañá volverán os atascos á estrada xeral da costa en horas puntuais; estará no mesmo estado lamentable de onte independentemente de quen gañe. Se a vostede lle toca un camión cargado con madeira diante con dirección a Ence en Navia, terá que sufrilo probablemente durante un longo traxecto. Ir de Viveiro a Ribadeo levaranos unha hora, máis ou menos, coma onte. E os que vimos desde A Gañidoira cara Viveiro pola mañá tamén sabemos ben o que hai e o que nos ha agardar: unha liña case que contínua durante quilómetros e quilómetros ata o final; quilómetros que se fan interminables se tropezas cun vehículo lento diante e non queda outra que “tragalo” ata pasar Viveiro e Celeiro ... A A-8 seguirá pechando os días de néboa mesta pero tamén é, será, unha boa oportunidade para coñecer Mondoñedo quen non leve demasiada présa.

Continuaremos pendentes do proceso de venda das plantas de Alcoa, manteremos a mesma incertidume, as mesmas dúbidas, ata que sexa a poxa eléctrica e a ver qué pasa entón. Veremos a actitude dos novos gobernantes fronte deste problema e coas eléctricas. Confiaremos nos investidores chinos que mercaron Albo porque non queda outra; eles son agora os amos.

C

Virán os festivais

Pero tamén virán os festivais de verán mentres un e outros tenten de alcanzar posibles pactos. Pase o que pase A Mariña será unha festa continuada estes dous meses longos de sol e praia. Comezando por esta próxima fin de semana co Mercado Renacentista en Viveiro e a Festa Castrexa en Burela ou a Romaría Vikinga no Vicedo e despois xa o Resu e moitos máis festivais; todo será un xira-xira de festa ininterrumpida ata o final de agosto. Gañen uns ou gañen os outros.

Sexan quen sexan os que saian victoriosos vostede e eu precisaremos do esforzo persoal para saírmos adiante no traballo, nos estudos, nos proxectos que se marque cada quen; tamén necesitaremos sorte e saúde, fundamentais. Despois está o proxecto de país, de Estado, que nos marquen os que lles corresponda gobernar.

Miguel Sande, delegado de La Voz de Galicia en A Mariña e Occidente astur.