A feira focense, máis de 30 anos, un record

Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz OPINIÓN

A MARIÑA

17 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovindeiro xoves, 18 do actual, inaugúrase a Feira do Libro de Foz na súa XXXI edición. Iniciábase en 1986 a exitosa andaina anual no eido da promoción da cultura, como é toda iniciativa dirixida a potenciar a lectura porque, como alguén dixo: “Non é analfabeto o que non sabe ler, senón o que sabendo, non le”. Nacía así o certame focego coa incertidume e as dúbidas de futuro; o temor non era infundado pois, localidades de maior entidade e tradición cultural, non foron quen de mantelas e algunhas sobreviven a trancas e barrancas. Non foi este o caso que nos ocupa pois, de contado, consolidouse para erixirse na mais prestixiosa e lonxeva das que se celebran en vilas e pequenas cidades da nosa terra.

Naquela inauguración fora o pregoeiro un xove Ramón Pernas, recoñecido escritor viveirés, á sazón director da Editorial Espasa Calpe e pronunciaran senllas conferencias Ramón Villares, entón Decano da Facultade de Historia de Santiago, actual presidente do Consello da Cultura do que Alianza Editorial acababa de publicar a súa Historia de Galicia; Jorge Víctor Sueiro, redactor-xefe de TVE e gastrónomo que falou da cociña galega; Isaac Díaz Pardo, entón director de Sargadelos, disertando sobre Castelao e a “Guerra Civil”; o xornalista e escritor don Xosé Trapero Pardo que falou do controvertido Mariscal Pedro Pardo de Cela.

Cando fora Neira Vilas o pregoeiro

A Feira de 1994 tivera de pregoeiro ó insigne escritor Xosé Neira Vilas, o autor do libro mais lido da literatura galega: Memorias dun neno labrego. Ao pouco chegounos carta súa na que, entre outras cousas, dicía: “Volvín contento de Foz. Había moita xente na inauguración, firmei moitos libros e recibín moi cordiais atencións. Teño estado este ano en varias feiras e a de Foz foi a mais concorrida, mais incluso que as de Santiago e Ferrol, no acto da cerimonia inaugural. Libros si firmo bastantes sempre, pero tendo en conta o volume da vila e a poboación, en realidade foron moitos os que me puxeron diante. Todo, pois moi alentador, moi estimulante, e quería dicircho directamente. A experiencia resultou francamente fermosa”.

Máis de 30 anos sen faltar a unha cita é todo un record. ¿E o futuro? Coma sempre, unha incógnita.