O 30-X: MMM en Madrid

Fran Bouso

A MARIÑA

31 ene 2017 . Actualizado a las 11:47 h.

finais de xaneiro de 1999 un nutrido grupo de mindonienses desprazámonos a Madrid en autobuses, camións e furgonetas para montar na Praza de Tirso de Molina unha representación do Mercado Medieval de Mondoñedo.

A experiencia xa funcionara noutras localidades galegas como Lugo, Santiago de Compostela ou Vigo, pero ningunha resultou tan produtiva, ao meu entender, como o desprazamento feito entón á capital de España.

Os artesáns e comerciantes que montaron os seus postos con varas, xestas e taboleiros esgotaron as existencias, ata se venderon os cepos cos que facían firmes as estruturas.

En Tirso de Molina sen saber que facer

Chegáramos moi cedo á Praza de Tirso de Molina e alí non había ninguén a quen preguntarlle nada, non sabíamos onde había que montar nin como facer.

Eu era o encargado da ambientación musical e da megafonía e non tiña ningún cadro eléctrico no que tomar corrente. Axudado por un par de persoas, entre elas o meu amigo Pedro Gallego, abrimos unha chapa metálica que había na beirarrúa próxima e deu a casualidade que era unha baixada a un transformador eléctrico, nas escaleiras atopamos unha lámpada da cal sacamos electricidade para todo o mercado axudados por un pouco de cinta adhesiva e unhas estelas.

Non sei como aguantou a improvisada instalación toda a xornada, pero o caso é que, efectivamente, aguantou.

Ao longo do día foron milleiros de persoas as que pasaron polo mercado, moitas delas mindonienses e galegos residentes en Madrid, entre eles o humorista gráfico Antonio Fraguas, “Forges”, que tempo despois publicaría varias viñetas nas que fixo referencia a Mondoñedo.

Pablo Iglesias e Errejón

Mentres estaba falando cun veciño que vendía artesanía en coiro, achegáronse ao seu posto dous rapaces, un duns vinte anos que levaba o pelo recollido nunha coleta e outro, aparentemente ben máis novo, con gafas e cara de bebé.

Aqueles mozos, literalmente “fliparon” co que alí tiñamos montado. O máis vello, que dixo chamarse Pablo mercou no posto unha mochila. O outro quería comprar unha tira de costela salgada, pero o coletas non lle deixou: “Íñigo, ? dixo Pablo ? ¿Tú sabes cocinar esto?”

Volvinos ver ao cabo dunhas horas, cando xa marchaban e escoiteille dicir ao coletas: “¡Qué pasada, tio! Algún día, cuando seamos mayores, haremos algo así... y lo petaremos.

Polo serán, chegado o momento de recoller, Murillo, Boby, Modesto, María José, Rosa e Espina comezaron a cantar: “Son de Mondoñedo, da beira do Masma. Son de Mondoñedo, a “tarta” e o pan. Son de Mondoñedo, feiras das San Lucas, as mellores cousas todas aquí están”. E, ao pouco, a praza enteira acompañou coreando as melodías dos da Paula.

Coincidía con Fitur

O evento cadrou coa feira internacional de turismo FITUR e aínda así os medios de comunicación madrileños fixeron unha ampla promoción de Mondoñedo.

Televisións, radios e xornais levaron aos seus contidos a presencia mindoniense naquela praza madrileña, que trataron con amplitude.

Esa mesma noite, a expedición encabezada polo alcalde entón, Javier Loira, regresou a Mondoñedo. Volvemos ledos e orgullosos por ter feito a cousas ben. Anos máis tarde vimos como a semente que en Madrid plantamos, floreceu, algunha torta.

* Fran Bouso é mestre e escritor natural de Mondoñedo.