«¡Maruja Mallo vai estar encantada!»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Unha mostra 100% feminina réndelle culto á artista viveirense en RegalXunqueira

16 mar 2017 . Actualizado a las 22:00 h.

Maruja Mallo cobra protagonismo este ano co gallo do Día das Artes Galegas, o 1 de abril. A Real Academia de Belas Artes acordou dedicarlle esa xornada a ela. Mallo é a que inspira a exposición Mallo en marzo da que a artista vencellada tamén á cidade do Landro por raíces familiares, Renata Otero, é a comisaria e tamén participante con obra, xunto con máis artistas, todas mulleres.

-É a súa primeira vez como comisaria dunha exposición?

-Aínda que levo feito máis de cen exposicións a título individual si... esta é a primeira vez que son comisaria dunha.

-Como resulta a experiencia?

-Está sendo moi bonito porque este era un proxecto moi modesto, nada pretencioso nin ambicioso. Había un espazo cultural que é RegalXuquera, que é de meu pai [Alfonso Otero Regal]. Un día reñinlle por que non había moitas mulleres expoñendo alí. Respondeu que a maioría dos que solicitaban para expor eran homes e pasoume a pelota, para que eu buscara mulleres artistas. Tirei de axenda e busquei xente de diferentes estilos, xeneracións e técnicas. Está sendo moi estimulante. O que fixen foi dar liberdade total. Puxen o tema pero despois liberdade de formato, enfoque, técnica... Unhas fixáronse na figura de Maruja Mallo, outras na linguaxe que ela usaba. Mallo dignificaba mulleres anónimas. Creo que este proxecto é moi heteroxéneo e representativo da pluralidade de artistas contemporáneos. Está sendo enriquecedor e moi bonito, algo para disfrutar. Hai artistas que nunca fixeran escultura e agora si, amigas que traballan en fotografía e se pasan ao debuxo... ¡Maruja e eu imos estar encantadas!

-O feito de que a mostra teña como inspiración a unha artista tan grande como foi a viveirense Maruja Mallo, é maior responsabilidade para a comisaria?

-A estas alturas non necesito medallas, nin vivo disto nin cobro con isto. Hai 20 anos que eu participara en homenaxes a Maruja Mallo. Por outro lado, estou en causas feministas dende fai moitos anos. Penso que hai que visibilizar ás mulleres artistas, pero sen ningún tipo de bandeira, nin fumes, senón de forma discreta e tranquila. Non pretendemos máis que disfrutar.

-A obra e a figura de Mallo, que lle inspira persoalmente?

-A nivel estilístico respecto, moito respecto do seu coñecemento da xeometría, non ten que ver. Pero foi invisibilizada moito tempo, tanto ela como moitas coetáneas. Só se lle tiña en conta como «muller de...» ou «amante de...». A María Zambrano fíxoselle caso hai pouco e é outro exemplo, de que eran só importantes por ser «parella de...».

-Como muller artista, tamén se sinteu invisibilizada algunha vez?

-Penso que no mundo da cultura está mal vista a maternidade. A min castigóuseme persoalmente nalgún ámbito pero pasa en todas as áreas. A veces non das compatibilizados os mundos laboral e familiar, por un lado hai prexuízos que veñen de fóra e por outro límites internos que non saen ao aire porque nos vemos en determinados roles que nos obrigan a escoller.

-Próxima exposición súa?

-Unha instalación de 72 debuxos no Cenima en Foz en abril para visibilizar a muller anónima. A exposición chámase Ser visibles.