Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Preocúpame a fame no mundo, o tráfico de persoas... e denúncioo a ritmo de rap»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

xaime f. ramallal

Ivandro ten 19 anos e compaxina traballo e estudos. Con amigos rodou en Burela o seu último videoclip

06 abr 2017 . Actualizado a las 22:36 h.

Aínda que a súa verdadeira paixón é a música, Ivandro Soares, de 19 anos, traballa nunha empresa de conxelado e cursa estudos da ESO no IES Monte Castelo de Burela. Estes días vén de publicar en Youtube o seu terceiro videoclip -do single Boka Strada-, o segundo rodado en Burela. Este traballo é o aperitivo do disco Rosto em alto, que pretende sacalo á rúa no mes de xuño. Ivandro forma parte do grupo Preto Style e chegou por primeira vez a Burela no ano 2015.

-É o seu terceiro videoclip, ¿onde gravou os anteriores?

-O primeiro -100 Strela- graveino en Cabo Verde cando tiña catorce anos e despois de gañar un concurso, e o segundo xa o rodei en Burela. E este é o terceiro.

-¿Con que axuda contou para este último proxecto?

-Eu son o autor das letras e da música e tamén me ocupo do son. Do video, ocupouse un colega.

-¿Por que elixiu ese título para o videoclip?

-Faigo referencia a unha persoa que fala moito sen coñecer e sen saber ben.

-Canta sempre en criollo, ¿para cando música en galego?

-En futuros temas empregarei o galego.

-Lanzar o videoclip a través de Youtube estalle dando maior proxección ó seu traballo musical, ¿que lle gustaría que ocorrese?

-O primeiro, gústame compartir o meu traballo cos colegas e tamén quero que o resto da xente saiba como interpreto musicalmente.

-Comentáronme que lle gustaba compoñer letras con mensaxe, ¿que lle quere trasladar á xente?

-Eu intento transmitir o que sinto ao ver e vivir o que pasa ao meu redor. Reflexiono sobre a actualidade e tamén sobre o pasado, quero concienciar.

-E, ¿que cousas lle preocupan a un rapaz de 19 anos?

-Preocúpanme algunhas cousas que pasan hoxe no mundo. Preocúpame a fame que pasan moitas persoas no mundo, o tráfico de persoas... e denúncioo a ritmo de rap. Quero concienciar á xente dos problemas que existen.

-¿Por que emigrou de Cabo Verde a Burela?

-Buscando unha vida mellor. Aquí, en Burela, estaban meu pai e miña nai e eu vinme a finais do 2015.

-¿E leva aquí desde entón?

-Estiven tamén vivindo un ano en Francia.

-¿Xa ten produtor para editar o disco?

-Vou intentar facelo cun produtor.

-Entre o traballo e os estudos, ¿cando saca tempo para facer música?

-No tempo libre e mais nas fins de semana.

-¿Cando descubriu que a música era a súa paixón?

-Canto desde que teño sete anos. Sempre me gustou todo tipo de música, pero o rap, é a que máis. E, por suposto, gustariame nun futuro poder dedicarme profesionalmente a isto.

-¿Que cantante lle gustaría que escoitara o seu videclip?

-Gustariame que chegase a canta máis xente mellor, pero gustariame moito que o escoitara o rapeiro, Ne Jah. É o meu ídolo desde hai moito tempo.

-¿Está contento vivindo en Burela?

-Estou moi contento. Aquí vívese ben, non hai racismo... estou contento.