«Tivemos erros, pero foise progresando e abrimos o deporte a todos os nenos»
A MARIÑA
Lembra con cariño os seus anos á fronte do deporte escolar na comarca da Mariña
12 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O responsable de patrimonio da Diocese Mondoñedo-Ferrol, Féliz Villares Mouteiro (Belesar, Vilalba, 1947), é un home chave na historia do deporte na comarca da Mariña. Dende 1972 ata o 2000 foi o máximo responsable do deporte escolar na zona e organizou un sinfín de carreiras e certames atléticos. O pasado xoves 8 de xuño, a Xunta de Galicia outorgoulle a medalla ao mérito deportivo polo seu traballo xunto a outros 28 deportistas, adestradores e directivos.
-Agardaba este recoñecemento?
-Non, para nada, porque estou desvencellado do deporte dende hai 17 anos, cando deixei de coordinar o deporte escolar na Mariña. Entón transladáranme a Ferrol e non puiden seguir con esa labor na Mariña. Colleume por sorpresa por iso.
-Fixoselle diícil deixar o deporte?
-Por suposto. Levaba dende o ano 72. Por iso cando estiven o xoves co presidente da Xunta lle preguntei de broma polo da memoria histórica, porque cando me fixen cargo o deporte escolar dependía do Frente de Juventudes. Non me importaba quen o organizase porque se trataba de dar aos nenos a oportunidade de facer deporte. E estiven ata setembro do 99.
-E neste tempo non seguiu atado ao deporte de ningún xeito?
-Sigo o deporte, pero estou moito máis limitado. Vivo ao pé de Vilalba, teño que atender a meu pai, que ten 94 anos... Non poido facelo, pero mentras vivín en Ferrol tampouco tiven esa oportunidade. Alí non tiña xa tempo material.
-Cando comezou, o deporte escolar da comarca aínda estaría en cueiros...
-Tamén o deporte en xeral, eran tempos complicados nos que non había os medios de hoxe. De feito logo comecei a organizar carreiras populares porque era outra forma de dar a oportunidade de facer deporte á xente. Foi unha etapa moi bonita, na que fixen moitos amigos en todo Galicia.
-Con que se quedaría deses 28 anos?
-Houbo erros e certas cousas, pero foise progresando e conseguimos o obxectivo de dar a oportunidade de facer deporte aos nenos. Ensinámoslles a moitos a gañar, e tamén a perder, no deporte e na vida, que é algo ao que se aprende coa práctica.
-Gardará mil anécdotas.
-Moitas. Lembro unha carreira en Luíntra á que levei tres equipos do Santa Catalina de Mondoñedo. Un de alevíns, outro de infantís e outro xuvenil. Saímos de Mondoñedo chovendo e chegamos a Nogueira de Ramuín chovendo. Ao día seguinte o ciurcuito estaba inundado. Entón o que fixeron foi cortar os toxos para abrir camiño. E a un rapaz de Xove soltouselle a zapatilla, pillouna na man e seguiu correndo. Cando chegou á meta tiña a planta dos pés negras dos espiños dos toxos.
-Cal é o traballo que máis orgulloso o deixou?
-Síntome de todo. Especialmente de todo o feito no deporte escolar, de dar a oportunidade aos nenos de facer deporte. Houbo moito traballo, por exemplo para facer os calendarios. Agora metes un programa informático e listo, pero daquela había que facer todo a man. Cando había campo a través corríase pola mañá e pola tarde había que xuntarse para facer as clasificacións e mandalas á delegación a Lugo.
-Antes de todo, foi deportista?
-Fixen moito deporte, pero non era bo deportista. Gustábame e ségueme gustando certo tipo de deporte. Hoxe non aguanto un partido de fútbol enteiro. Gústame máis o baloncesto, ou, sobre todo, o atletismo. Sempre considerei que o atletismo é básico en idades escolares, para os nenos, porque axuda a coordinarte, a adquirir velocidade, axilidade... É unha preparación física que despois se pode aproveitar e é mkoi útil en calquera outro deporte.
-Dende a élite, o deporte ás veces transmite valores como mínimo discutibles...
-Moitas veces non son bos os valores que transmiten, é certo. Pero é o que hai. O deporte profesional está moi mercantilizado, son inconcebibles os soldos que se manexan, especialmente no fútbol. Si o comparamos co que traballa e cobra outra xente diría que é algo escandaloso. Moi escandaloso.
-Por que lle deu por comezar a facer todo isto?
-Acabei de estudar en Salamanca no ano 71, e mandáronme ao Seminario de Mondoñedo. No primeiro ano fun vendo como funcionaba todo. E no segundo o responsable de deporte xa me dixo que me tiña que ir metendo no tema do deporte. E por aí empecei, pouco a pouco. Aquel ano xa estiven axudando nalgunhas cousas. Organizábase todo en Lugo, tíñamos reunións alí. E despois xa comezamos a organizar nós por libre na Mariña.