Opinión
05 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Chegou setembro e con el o arranque dun novo curso académico no que se presentan, entre outros recursos, as novas tecnoloxías como ferramentas para a mellora da calidade educativa. Robots, ultraportátiles, actividades interactivas ou encerados electrónicos son hoxe ferramentas tecnolóxicas aplicadas ao ensino ao igual que o era o cine a mediados do século pasado.
O profesorado do instituto de Mondoñedo tivo interese, desde os seus inicios, no aproveitamento pedagóxico do cinema. O Instituto laboral, dirixido por Francisco Mayán Fernández, organizaba con diferente periodicidade proxeccións didácticas para o seu alumnado. Celebráronse os pases no «Cine Pacheco» ata que o centro dispuxo dun salón de actos e sala de proxeccións cinematográficas. No número 2 de «Mondoñedo: Boletín de información del Centro de Enseñanza Media y Profesional» publicado o 6 de abril de 1954 recóllese a seguinte información: «Aún cuando todavía no hemos recibido el aparato proyector, que ha de sernos enviado de Madrid, han continuado las sesiones de cine educativo; esta vez sobre cerámica moderna y escuelas profesionales en el extranjero». Na citada cabeceira aparecían, de vez en cando, críticas literarias, teatrais e cinematográficas que escribían os alumnos do centro. Antonio Rodríguez Carballo, alumno de segundo, escribía no 54: «La temporada de verano es siempre mala para el cine; solamente algunas películas y estas muy mediocres o malas del todo». Pedro Alonso Maañón, profesor interino, sinala nun artigo publicado o 12 de outubro de 1954 que: «Los modernos medios de difusión, especialmente el cine y la radio, permiten influir sobre la inteligencia y voluntad de muchos individuos a la vez y con poco esfuerzo. Bien utilizados pueden servir como instrumentos eficaces de cultura y de enseñanza».
Cara finais de 1954 proxectouse no «Cine Pacheco» para o alumnado do Instituto a película «Jeromín», un filme inspirado na novela homónima de Luis Coloma no que se loa a figura de Carlos V. Ese mesmo día tamén se pasaron imaxes sobre as rías galegas e pontes e pantanos estatais. No primeiro trimestre de 1955 proxectouse unha serie de catro películas sobre cuestións de xeografía e industrialización que foran remitidas polo Ministerio de Educación. A Casa Americana de Madrid mandou naqueles meses filmes didácticos sobre millo híbrido, a colonización no oeste de EEUU, a vida de Eisenhower e a actualidade norteamericana. Cando a temática o recomendaba, ás sesións de cine era convidado o alumnado das Escuelas Nacionales, como aconteceu o día de San Rosendo de 1955. As proxeccións continuaron nos seguintes cursos.