«O que teña faba verde e queira vender recollémoslla; pagamos a 5 euros kilo»

A MARIÑA

Cuadrado ve con boas perspectivas a produción deste ano, tanto en calidade como en volume de leguminosa
13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Cuadrado, preside Terras da Mariña, a cooperativa de fabeiros que este ano comezou a mercar faba en fresco.
-A temporada está a piques de comezar, ¿non?
-Si, para fresco xa empezou, parte delas xa valen para recoller.
-¿Como vai este ano a colleita?
-Temos moi boas expectativas, tanto de calidade como de cantidade. Estas chuvias a ver como resultan; en parcelas están facendo danos, pero nas que veñen atrasadas, está vindo ben.
-¿Plantou máis xente?
-Eu creo que si, este ano plantou máis xente.
-O mercado da faba tamén está a punto de empezar.
-Si, o día 24 empezan os mercados da faba dos domingos. Aí poden ir os fabeiros que teñan o carné do Concello. Ábrese prazo para solicitalo ou renovalo o día 15 deste mes, ata o 30 de setembro.
-Ademais están os socios de Terras da Mariña que teñen faba con Indicación Xeográfica Protexida.
-Si. Aí soamente pode ingresar o que estea amparado pola IXP.
-¿Canta superficie plantaron vostedes este ano?
-Entorno a unhas 40 hectáreas. Máis ou menos igual que o ano pasado, pero esperamos mellor produción. O ano pasado collemos unhas 40 toneladas, pero non a comercializamos toda dende a cooperativa; dámoslle liberdade ós socios para que cumpran cos seus compromisos. Unha parte sae co nome de Terras da Mariña e outra véndena particularmente. Uns envasan e comercialízana con IXP e outros venden a granel.
-O ano pasado a faba acadou unha boa cotización.
-Si. A faba branca pasou de media entre 8-8,50 euros o kilo.
-¿Que prezos agardan este ano?
-Nin idea. Hai que esperar a ver como van os primeiros mercados; esperemos que non baixe. Sobre todo pasar a festa da faba, que marca como vai a cousa.
-¿Os oito euros sería o prezo idóneo para que sexa rendible?
-Exactamente, entre os 8-8,50.
-Dicían que coa praga da pataca moitos se reconverteran este ano a fabeiros, ¿foi así?
-Si, ó non poder pataca moita xente botou fabas, tanto verdina como branca. Hai máis hectáreas plantadas e o tempo favoreceu bastante, aínda que a ver como sentan estas choivas.
-¿Ofrecerán o servizo de conxelado na cooperativa?
-Si, si. Este ano tamén estamos comercializando en fresco. Todo o que teña faba verde e queira vender, na cooperativa recollérmoslla e conxelámoslla; xa empezamos esta semana a recollela.
-¿Cómprana vostedes?
-Si. Comprámola, envasámola e conxelámola. Pagámola a cinco euros o kilo.
-Un prezo habitual para a fresca.
-Si. Vai entre 4,50 e 5. Estamos abertos tódolos días. Pensamos que é un bo servizo, así a xente pode ir todos os días facer a entrega, sen tela catro ou cinco días na casa, que perde calidades. Toda a semana ten oito horas ó día para ir entregalas. Abrimos de luns a venres, de 9.30 a 13.30 e de 16 a 20 e cando empece o mercado abriremos tamén os domingos e probablemente o sábado tamén, pola mañá. Máximas facilidades para o produtor, para que veña o día que queira.
-¿Mercan sen límites?
-De momento si, ó mellor chega un momento que hai que cortar, pero de momento si.
-Quere dicir que teñen mercado para colocala.
-Si, en efecto, atopamos un nicho de mercado e hai que aproveitalo.