«Aquí na Mariña a xente sácalle moito rendemento ao monte e iso é positivo»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

«Aquí non actuou esa mao malvada, pero se pega o lume é moi difícil salvalo pola gran cantidade de árbores», di

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel Villapol, empresario da madeira de Trabada, propietario de montes e experto silvicultor: «A situación de Galicia é moi complicada; é un pulmón verde e sector produtivo de madeira de toda España; que nos ocorra isto, ademais das consecuencias que poida ter a nivel persoal e a nivel de vivendas e todo, é tremendo. Vese que é totalmente intencionada e aproveitando a nocturnidade, o tempo que temos, inclusive un fin de semana, ou sexa, tódolos ingredientes para conseguir o máximo dano posible e iso nos crea un profundo sentimento de indefensión, é imposible que con esta cantidade de lume, ningún dispositivo, por moi amplo que sexa, poida paralo en pouco tempo.

-Na Mariña imos librando. A que atribúe este feito?

-O motivo principal, non digo o único, é que non lle prenderon lume; aquí non actuou esa mao malvada, porque si actúa aquí, aínda que é certo que non foi a zona máis afectada polos ventos do Sur, que aquí chegan debilitados polas montañas; pero se pega o lume é difícil de salvalo. Coa gran cantidade de árbores que temos, un lume de copas é moi difícil poder atallalo con vento e coa seca que hai, e sobre todo de noite. ¿Que temos moitos intereses? ¿Que estamos atentos? ¿Que hai zonas de monte moi ben xestionadas? Iso é favorable, pero non é solución; nos protexen un pouco e axudan a previr, hai menos incidencia, pero de todas a todas, que pode arder moita cantidade de monte, é certo.

-Aquí arde menos o monte que noutras partes de Galicia. É certo ou non?

-Sí. sí, é certo. Toda a Mariña de Lugo e inclusive tamén a parte da costa da Coruña, arde menos; pero posiblemente a zona da Mariña de Lugo é a parte menos afectada polos incendios de toda Galicia.

-Por que?

-Eu creo que aquí intereses contrarios ó monte, supoño que ningún, e a favor practicamente todos. O monte está plantado, a xente está sacándolle un rendemento importante, e tódolos propietarios e moitos que non o son están tendo ingresos procedentes do monte. Iso é importante, dende o punto de vista que hai uns intereses positivos. Eu non sei quen lle prende lume ó monte noutros sitios, pero o certo é que o monte noutros sitios non ten ese valor económico e estratéxico para a sociedade, que si o ten nesta zona. Pero repito, as condicións son mellores para que non arda, pero non estamos vacinados de que non vaiamos ter en calquera momento un pirómano que nos cree problemas.

-¿Resultan máis fáciles as labores de extinción? Hai mais medios?

-Non. Non hai máis medios, o que pasa é que cando se fai aproveitamento do monte, queiras ou non fas moitas pistas; hai montes noutras zonas que non teñen aproveitamento e nin se fan pistas, nin desbroces nin nada. Aquí como o monte está aproveitado; hai zonas como Trabada, A Pastoriza... que está ordenado e hai outros nos que non o está, pero polo seu aproveitamento fanse moitas pistas e iso favorece a entrada de vehículos para poder apagalo, e facer cortafuegos...Todo iso é favorable. Uns están cortados e outros non e serven de cortafuegos uns a outros. Iso é favorable. Ó cortar por zonas, sempre hai unha zona de monte baixo e outra de monte alto e esa xestión favorece para cortar posibles lumes. Dende ese punto de vista temos vantaxes. (...) Temos varias condicións favorables para poder interromper o avance dos lumes; medios creo que temos os mesmos que teñen noutros sitios, os dos concellos e os da Xunta, pero nada máis. Pero o monte ten vantaxes tal e como está xestionado para paralizar a propagación.