No taller do mindoniense preparan as pezas e as placas do distintivo da Unesco
24 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Cruz Casabella (O Pereiro, xuño de 1965) considérase mindoniense a pesar de ter nacido na parroquia de Alfoz. De alí veu para Mondoñedo cando só tiña seis anos de idade. No seu obradoiro, situado a carón da estrada Mondoñedo-Ferreira do Valadouro, xusto á altura da intersección co ramal de Masma, prepáranse as mouteiras que se están a colocar no Camiño Xacobeo para sinalizar o trazado. Nel traballan dous empregados.
-¿Como é que está vostede facendo as mouteiras?
-Empecei o ano pasado facendo unhas 500 para o Camiño Norte; encargáramas a empresa Isidro Otero, que colleu a fase de Ribadeo a Guitiriz. Pero este ano estou con outras 500 que van para a Costa da Morte, tamén por medio de Isidro Otero.
-Cóntenos como se preparan.
-Van en pedra, sobre unha base de 50x50x20. A parte de arriba mide 1,10x44x24. Este é un traballo rutineiro, facémolo con máquinas. Despois, nesa pedra piramidal gravamos a frecha que indica a dirección, o punto quilométrico e, abaixo, o logotipo de Galicia, e colocamos o azulexo co debuxo da cuncha do peregrino. Tanto no caso de Fisterra como no tramo de aquí aproveitamos pedras vellas, que restauramos. Sacámoslles a base de formigón e substituímola por outra de pedra. Despois limpamos a pedra, poñémoslles o logotipo de Galicia e, se lles falta, tamén a frecha ou a vieira. Cando rematamos semella que é nova. Como as pezas non chegaban, completamos con pezas novas, que fixemos con pedras traídas de Lalín.
-¿Canto tempo lles leva facer unha mouteira?
-Non sei, porque se vai facendo en quendas. Facer 500 levounos tres meses a tres persoas.
-¿Á parte deses mil sinais, teñen previsto seguir con máis encargos destes?
-Non, previsto non temos, pero é posible que saia algo máis.
-Ademais están gravando placas.
-Si, estoume metendo a facer en latón o gravado co distintivo da Unesco, da declaración do Camiño como Patrimonio Mundial. Encargáronme 2.040 placas de latón, gravadas en tres idiomas. Van poñelas no Camiño Norte e no Camiño Francés.
-A súa empresa xa leva tempo aí.
-Levo vinte anos traballando a pedra. Aprendín cantería na antiga escola obradoiro de Mondoñedo hai máis de dúas décadas, incluso fun monitor. Non sabía nin que existía ese oficio, pero desde que empecei na pedra estou encantado.
-¿Que outros traballos fai?
-Todo o que se poida ver en pedra: balcóns capiteis, chemineas, escudos, todo o que é sillería.
-¿Como vai a demanda?
-Tivo o seu momento bo hai uns dez anos e logo outros dez de crise. Agora leva un ano que parece que espertou a demanda.