A Deputación demanda en pleno a mellora das estradas da Mariña

S.C. / D.G. VIVEIRO / LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Todos os grupos respaldaron a moción presentada por Antonio Veiga, do BNG

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No pleno celebrado onte á mañá na Deputación de Lugo prosperou a moción presentada polo BNG demandando melloras na rede viaria estatal mariñá. Todos os grupos políticos apoiaron esta iniciativa.

«A axilización na adxudicación e execución das obras de mellora da N-642 -a estrada da costa- centrou parte do debate, «pois é de urxente necesidade a reparación deste vial, así como a reparación da N-634, e mentras tanto non se fai efectiva, é obriga do Ministerio de Fomento, mantela nunhas mínimas condicións de seguridade», argumentou o deputado nacionalista Antonio Veiga, que incidíu tamén na proposta de prolongar o terceiro carril na subida á Xesta, tal como reivindicaron xa o sábado pasado membros do BNG e veciños de Mondoñedo.

«En fin, demandamos a axilización das obras de reparación do firme da N-642, a petición de consignación orzamentaria para a autovía Barreiros?San Cibrao».

2,9 millóns para o vial costeiro

Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove e deputado provincial, explicou por parte do PP que para mellorar a estrada da costa «hai consignados 2,9 millóns; nunha semana ou en dúas sairá a oferta de adxudicación para rexenerar todo o firme no tramo Barreiros-San Cibrao, a poder ser antes do verán».

En canto á N-634, na Xesta, dixo que «está pendiente de adxudicar por 2 millóns». Tamén explicaría Salgueiro que o tramo do corredor Barreiros-Foz «está en redacción, irá de seguido nun primeiro tramo».

«Todos na mesma dirección»

«Isto non é unha guerra política -comentaba Demetrio Salgueiro-, todos temos que ir na mesma dirección porque as carreteras na Mariña son moi necesarias. A nosa é unha comarca moi puxante, un motor económico fundamental para a provincia de Lugo, que aporta o 31% do PIB e somos conscientes da necesidade de mellorar as estradas. Todos temos a nosa parte de culpa nos últimos anos. A Mariña ten unha carencia de infraestructuras, é evidente, e temos que empuxar e sumar entre todos para solucionalo».

Ademáis a Deputación Provincial aprobou o Plan Único de axudas a todos os concellos, para satisfacción do presidente, Darío Campos, e tamén segue adiante o Servizo de Teleasistencia, que presta atención a máis de 1.500 maiores da provincia.

Este servizo de Teleasistencia aínda ten prazas libres, preto de cen, tal como informaba onte a Voz nestas mesmas páxinas.