Aparroquia de Santa María de Rúa, no actual Concello de Cervo, sempre tivo motivos para sentirse orgullosa dos seus veciños pero este dezasete de maio de dous mil dezaoito brilará para sempre na súa historia coma un broche de ouro, bordado co
afecto sinceiro dos presentes: institucións, asociacións e amigos que xuntos desexamos homenaxear e agradecer a «Toñito de Rúa» o esforzo realizado ao longo de toda unha vida dedicada a conservar a tradición musical da parroquia, á cal sempre honrou levando o seu nome como bandeira polos múltiples horizontes que sobrepasou alegrando corazóns co seu acordeón; todo iso, e moito máis, sen descoidar o traballo familiar nin a relación social onde, D. Antonio Eijo, xamais negou unha colaboración desinteresada, demostrando así a súa admirale calidade humana.
A importancia e o mérito desta homenaxe non debe quedarse nos aires da festa pois o seu valor e a súa transcendencia superan con moito a externa aparencia, demostrando con claridade que a unión, a colaboración e a estimanza dos valores
propios siguen sendo pilares dos que se alimenta a esencia da convivencia nunha comunidade, algo no que a parroquia de Rúa ten moita experiencia pois xa se autogobernan desde o trece de febrero de mil douscentos cincuenta. Nesa data
asentaron os primeiros poboadores que cada primeiro de xaneiro cumprían coa obriga de escoller entre dez homes a dous xuices e dous alcaldes para formar concello tal como deran palabra diante dos rexidores do Mosteiro de Lourenzá e do bispo de Mondoñedo.
Toñito de Rúa tamén é home de palabra porque conserva e non renega da herdanza da súa terra, síntese orgulloso coma un neno que medra bebendo dos aires que o envolveran, no seu barrio de A Lama, onde seus pais, Bautista e Antonia, neste mundo o puxeran e alí mesmo o agardaba, impaciente, o seu avó Antón para encargarlle que
non deixara morrer a semente da música que tan agarimosamente coidaba nos bailes do seu Salón.
Co paso dos anos o tesouro do avó apareceu ao descoberto pois, nese Salón, escoitando á Banda de Maneche, nacera a vocación musical de Eladio Maseda, o seu admirado mestre que deixou Moucide para convivir e convertir a casa de Bautista nunha auténtica escola de acordeonistas, algún procedente de Castro de Rei. A fama e o bo facer non tardou en dar os seus froitos e aínda hoxe para orgullo da Mariña e da música galega,co
permiso do ilustre Lino Rico, ademáis de Toñito, irradian e perduran outros emblemas musicais enraizados en Rúa como Eudolino e Manolo Maseda ou Albano González, virtuosos de Burela.
Antonio Eijo, «Toñito de Rúa», percorreu os camiños da gloria musical acompañando ás orquestras Trigo, Pena, Maseda e outras máis, compaxinou os bailes do seu salón coas peticións de acompañamento solicitadas por xenios da profesión como foi e será sempre o añorado Arcadio Mon e, mentres o alento teña vida, seguirá semeando melodías polos camiños que noutrora aplaudían ás linaxes dos Pardo de Cela, Baamonde ou Montenegro pero que neste dezasete de maio de dous mil dezaoito aplaudirán ao fillo sobranceiro de Rúa dos Cabaleiros nunha homenaxe ben merecida.