Marina Oural e Ugia Pedreira levan «1 faba, 1 vida» ao Espazo Caritel

La Voz FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

16 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa performance «1 faba, 1 vida», a simbioses de poesía e cancións das artistas mariñáns Marina Oural e Ugia Pedreira, comezará unha nova temporada o Espazo Caritel, en San Martiño (Foz), do escultor mariñán Daniel Caxigueiro. O acto organizado pola Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento será o próximo día 21, para un máximo de 20 persoas, previa reserva nos teléfonos 627 93 43 68 ou 658 79 23 10. A entrada custa 15 euros.

Comezará ás seis da tarde, con unha visita ao Espazo Caritel, onde está a exposición temporal, o taller de Caxigueiro e o xardín botánico con árbores de diversos países, ademais de cen variedades de hortensias e unha colección de camelias e fentos. Trala visita, ás oito da tarde, comezará a performance.

Tres amigos, tres artistas mariñáns (escultor, autora e compositora), danse así a man para ofrecer o íntimo ao público.

«1 faba, 1 vida» é unha peza escénica cambiante en cada representación, tendo en conta o estado de ánimo de Marina Oural e de Ugia e a enerxía que reciben do público, entrelazando poemas e cancións da súa autoría, buscando o contacto directo cos espectadores, improvisando, facendo unha obra que se enriquece cada vez coa participación da xente.

Esta performance xa ten sido presentada en diferentes contextos e espazos, en Allariz, Santiago de Compostela, Vilar de Santos, Lourenzá, Mondoñedo... e o próximo sábado, no Espazo Caritel, en San Martiño, Foz.