Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Todas estas fotografías son unha homenaxe ao teatro»

SARA GIL, S.C. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

A fotógrafa de Ribadeo Cris Andina inaugura hoxe a súa exposición no Forte de San Damián

21 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cris Andina inaugura hoxe en Ribadeo a súa exposición «Outra pel, outro rostro», na que se plasman as caras máis coñecidas do panorama audiovisual galego. Fotógrafa autodidacta, pasou de capturar momentos de concertos a retarse a si mesma poñendo o visor da cámara fronte aos ollos de xente que estamos moi acostumados a ver. «Fíxenme amiga dalgúns deles», recorda. Se algo lle deu a fotografía son moitas experiencias.

-Cal é a súa relación co pobo de Ribadeo?

-Son de Ribadeo. Aquí vivín ata que tiña 18 anos, que me fun estudar fóra. Veño sempre que podo, porque ademáis a miña familia vive aquí. Intento visitalos, polo menos, unha vez ao mes.

-Que supón presentar esta exposición na súa vila?

-É algo moi especial. Cando a inaugurei por primeira vez non puido ser en Ribadeo, por outros compromisos. Agora, traela é moi emocionante. Aquí están os meus amigos e a miña familia.

-Que é o que verá o público nesta serie de fotografías?

-O primeiro é que todas estas fotografías son unha homenaxe ao teatro. O que se ve nelas é a transformación dos actores. O primeiro retrato é o propio actor e o segundo ou incluso terceiro é o do personaxe que estaban a representar no momento de tomar a fotografía. Son retratos sinxelos, con fondos neutros, para mostrar máis transparencia.

-Como viviu a experiencia de fotografalos?

-Foi espectacular. Aprendín moito de fotografía, porque logo de estar acostumada aos concertos, realizar retratos era todo un reto. Tamén aprendín moito da súa profesión e comecei a valorar aínda máis o seu traballo. Fíxenme amiga dalgúns, incluso. Foi moi bonito.

-Agora que probou os dous, quédase coa fotografía de eventos ou coa de retratos?

-O que me gusta é o contacto coas persoas, pero a fotografía de concertos é, se cadra, máis divertida para min. É máis movida, ten máis acción. Os retratos teñen o seu encanto tamén. Cando consigues sacar o mellor de alguén detrás do obxectivo, é moi gratificante.

-Foi autodidacta. Cantos anos leva traballando coa cámara?

-Comecei de maneira afeccionada cunha réflex que comprei no 2010 pero que non usei ata 2012-2013. Dende xaneiro deste ano podo dicir que estou a vivir do que en verdade me gusta: a fotografía.