«Ata xullo do 2021 non temos oco libre para expoñer en Doce Lecer»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

A demanda por parte artistas é altísima nesta entrañable cafetería de Burela

25 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se alguén cunha inquietude de tipo artístico, sexa a que sexa, afeccioado ou profesional, quere expor en Doce Lecer, cafetería de Burela aberta en 2015 polas irmás Dori e Carmen «Tata» González Fraga, e pregunta cando poderá facelo a resposta agora sería: «Os seguintes dous meses libres serían xullo e agosto de 2021. Antes, está todo cuberto». O dato dá idea da elevada demanda que recibe o local, polo que xa pasaron numerosos artistas ou creadores coas súas obras. Mentres un toma un café ou merca o pan é todo un regalo admiralas.

-Di que Doce Lecer cumprirá o 3 de decembro tres anos de vida. Pois xa parece un clásico!

-(Sorrí) A min tamén me pasa. Tres anos parécenme poucos para o moito que vivimos aí dentro.

-Toda unha aventura empresarial.

-Foi, totalmente. Tirámonos á piscina dunha forma tremenda.

-E como lembran os tres anos?

-Houbo medo e moitas trabas tamén. Date de conta de que estamos nos tres primeiros anos dos que nos avisaron eran os máis difíciles. A nivel personal foi moi enriquecedor; coñecimos a xente que mereceu moito a pena. Polo demáis, as trabas son que teñen os autónomos neste país...

-Pois a palabra «emprendedor» adoitan pintala máis bonita.

-Miña irmá di sempre das axudas «un burro, un carro», ousexa, nada. O que acaba axudando é o traballo, o esforzo, o cansazo e o sacrificio de moitas cousas como o tempo de estar coa familia. Pero sentímonos moi orgullosas de que pese a ser novatas soamos como algo diferente, xa non so a nivel de cafetería e pastelería, senón como espazo diferente. Que poidas acoller tamén tertulia, arte, bo rollo... todo xunto nun mesmo local, é complicado conseguilo pero creo que estamos no bo camiño.

-Ese espírito lembra aos cafés literarios e artísticos das cidades.

-Aquí vén moito profesorado que se reúne para falar das súas cousas e bastante xente dedicada ao mundo da arte. Iso gústanos moito. Para nós sería importante conseguir ser un espazo cultural. Claro que non estamos á altura dalgúns cafés das cidades, pero se nun pobo así de pequeno podemos conseguir algo así... Por exeplo, as mulleres do Observatorio da Mariña pola Igualdade ou as do grupo de patchwork de Cervo veñen aquí tamén a reunirse. É un orgullo para nós que se sintan cómodas, libre e abertamente.

-Acoller exposicións era algo que se pensou xa nos inicios?

-Tíñamolo moi claro dende que iniciamos a idea de negocio e tiñamos claro tamén que as exposicións ían ter unha parede; o que nos custou foi poñer un sistema que fose cómodo para poñer todo tipo de exposicións. E tiñamos claro apostar por artistas novos, que queren darse a coñecer.

-Exposicións xa feitas.

-Non che podería dicir un número exacto. Doce Lecer está aberto dende o 2015 e as exposicións renóvanse de cada dous meses. Foron moitas. Cada unha delas nos aportou moitísimo. A inmensa maioría foron boas experiencias.

-(Bromeo) A lista de espera logo parece a do Sergas...

-(Sorrí) A nosa podería ser máis grande porque sería positivo para todos. Si, temos bastante lista. Intentamos combinar, por exemplo unha de fotografía, outra de pintura... Ir alternando. Por iso a veces temos que pasar un de atrás para diante, para que a xente non se aburra de ver sempre «o mesmo»(...) Algúns, como teñen moitas obras, poden cambialas de cada quince días ou de cada mes. A parede cedémoslla ao artista para que faga con ela o que queira. Eses dous meses é súa.