
En segundo lugar quedou Rocío Leira Castro
25 nov 2018 . Actualizado a las 21:30 h.Adolfo Caamaño Vázquez foi declarado gañador do primeiro Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro e dotado con 4.000 euros. En segundo lugar quedou Rocío Leira Castro, que recibirá mil euros.
Adolfo Caamaño, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, conta con varias obras de poesía e narrativa xa publicadas. Colaborador xornalístico, entre outros en La Voz de Galicia, foi cofundador da revista de creación literaria Hidromel e coorganizador do ciclo de conferencias Gallaecia.
Méritos
Adolfo Caamaño gañou o Premio Vilar Ponte coa obra Matar o heroe. O xurado, formado por Carlos Nuevo, Bernardo Penabade e Alba Porral destacou a solidez narrativa da obra tanto da estrutura como da ambientación espacil cronolóxica e dos personaxes, o seu contido universalista e a defensa do pacifismo.
Segundo premio
Rocío Leira Castro quedou segunda coa obra Veleno en Familia, na que o xurado salientou que representou unha radiografía da sociedade galega actual e tamén loubou o dinamismo narrativo proporcionado por unha polifonía de voces corais que ofrecen diferentes interpretacións dunha mesma realidade, a análise da situación específica das mulleres e a excelente recompilación de fraseoloxía da linguaxe popular perfectamente contextualizada.
Rocío Leira tamén conta con obra publicada en poesía e narrativa e, coma Adolfo Caamaño, ten gañado numerosos certames literarios nos últimos anos.