«O libro de Bolboretas no Bandullo ten o encanto que non hai nas redes»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

José Manuel Casal

Os blogueiros de orixe mariñá, Diana Fernández e David Díaz, fan hoxe a presentación en Viveiro

15 dic 2018 . Actualizado a las 12:39 h.

Diana Fernández Gómez (Covas-Viveiro, 1989) e David Díaz Díaz (Xerdiz-Ourol, 1988) son blogueiros (Bolboretas no Bandullo, blogue en activo dende 2013) e os autores da que é a súa primeira publicación en papel: Cociñando con bolboretas no bandullo. A presentación do libro será hoxe en Viveiro (Libraría Porta da Vila, 19.00 horas). «Non é unha simple acumulación de receitas. É un proxecto dixital comprometido coa lingua e cultura galega que pretende facer unha achega importante á presenza do noso idioma na rede», sinalan os dous mariñáns.

-Como foi ese salto do mundo dixital ao mundo en papel?

-David: Era algo co que sempre soñabamos. Coincidiu que a Editorial Xerais púxose en contacto con nosoutros e aceptamos encantadísimos. Vimos a posibilidade dun proxecto ben fermoso. Sendo filólogos, o libro vai ter ese encanto que non hai nas redes.

-O malo é que un libro de cociña acaba ben manchado de graxa.

-David: Nós somos partidarios da biblioteca de cociña. De feito, unha nena veunos traer un libro para asinar e xa viña manchado.

-E iso que agora se cociña moito coa tablet á vista, non?

-David: Si, tamén é cómodo. Nós ofrecemos esa dobre opción e cada un coa súa vantaxe.

-Como son as receitas do libro?

-David: Son sinxelas para facer en familia. É importante que sexa cociña accesible e tamén para facer cos nenos. Comprobamos como na cociña se crea un vencello de éxito entre pais e fillos.

-Cantos seguidores teñen?

-Diana: En Instagram pasamos dos mil.

-David: En Facebook e Twitter temos sobre 2.500. O do blogue é un pouco diferente. As estatísticas dánnolas por lecturas, non por seguidores. Si que cando hai receitas, que publicamos martes e sábados, aumentan as visitas. Logo hai días que, polo que sexa, dan picos de lectura.

-Preocúpalles a audiencia?

-David: Para nada! Nós temos o noso traballo, que nos encanta. Os dous somos profes; eu no IES Monelos en A Coruña.

-Diana: Eu no IES Salvador de Madariaga, tamén en A Coruña. E penso o mesmo que pensa David, pois facemos isto porque nos gusta e nos aporta moita felicidade e alegría. Miramos si... de onde veñen as visitas.

-David: Principalmente son visitas galegas pero hai días ou semanas que proveñen de puntos concretos. A veces non temos explicación. O ano asado traballaron con blogue na Universidade de Vitoria e chamáronnos para dar unha conferencia alí.

-Tanto no blogue como no libro, o seu é a maridaxe da lingua galega e da cociña.

-David: Para nós non pode haber gastronomía sen lingua. É un sinal de identidade. É unha forma de cultura. Van man con man. Por iso este non é un simple libro de receitas; con iso queriamos mancar a diferenza.

-Diana: En cada receita hai un microrrelato, microconto e as receitas teñen un código QR que levan ao lector á canle de YouTube.

-Serán fans totais de Cunqueiro.

-David: Somos fans de Cunqueiro, aínda que el levou a fama pero quen cociñaba non era tanto el. Os seus libros de gastronomía están na casa e dannos moitísimos xogo. Represéntannos un pouco pola combinación literario-gastronómica.

-Quen apadriñou o libro?

-Diana: Temos de madriña a Ledicia Costas.

-David: Pero tamén hai un caso especial. Quen deu a coñecer o noso blogue foi Agustín Fernández Paz. Cando nolo dixo a editora Celia Torres, caéronnos as bágoas. É emotivo porque hai case dous anos que non está con nos pero é o autor co que comezamos as nosas lecturas adolescentes e andabamos namorando e foi a primeira persoa en rechouchiar en Twitter na nosa conta. A dedicatoria foi para el.