«Canto máis saio fóra, máis boto de menos o que hai aquí e o aprecio»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Yolanda García

Paula Lorenzo, profesora de literatura española e hispanoamericana no estranxeiro, que é natural de Alfoz, agora está en Moscú pero deu clases xa en Bangladesh, Inglaterra e Alabama

30 dic 2018 . Actualizado a las 22:22 h.

O mundo para Paula Lorenzo Geada (Alfoz, 1981) non sabe de fronteiras. Traballa en Moscú como profesora de español como lingua estranxeira (ELE), de literatura española e latinoamericana, dentro dun programa de seccións bilingües do Goberno español en centros públicos en países do leste de Europa e incluíndo Rusia, China e Turquía. Está xa na casa por Nadal e con «regalo» dun longo voo: só dúas horas de durmir e a perda da maleta.

-Antes de Moscú, onde viviu?

-En Moscú este é o meu segundo ano académico. Rematei Filoloxía Hispánica no 2005, na Complutense en Madrid e fixen unha capacitación na de Salamanca. Ata o 2008 din clase de español como lingua estranxeira nun centro acreditado polo Cervantes en Madrid e tamén facía de guía turística. En 2008 e 2009 estiven en Estados Unidos, nunha universidade en Alabama. Volvín un ano máis para Madrid. E logo pasei case tres en Inglaterra facendo o título de profesora de secundaria dentro do territorio da Commonwealth e tamén con traducións. Volvín á Mariña por un máster da UNED e a dar clase en Foz e Lourenzá. Posteriormente, funme dous anos en Bangladesh, á universidade de Dakka, dentro dun acordo coa USC. Son consciente que o meu soa moi exótico, pero tamén hai outro tipo de cuestións, que pasan por adaptarse a un país. Non é ir de viaxe.

-Que lle aporta esa experiencia?

-Eu sigo aprendendo. Si que cando estou na casa hai xente que me ve moi expresiva. É porque aquí me podo permitir ese luxo. Son eu. Noutros sitios son outra versión de min e estou máis preocupada por observar o que se considera adecuado, aceptable ou non, porque esa tamén é a parte que quero estudar para o meu doutoramento, máis pragmática: que contextos requiren según que expresións, tratamentos ou reaccións. É fascinante porque varían moito dun lugar a outro. Por por un exemplo: o momento de entrar no ascensor. Aquí dis ‘boas tardes’ ou ‘bos días’ e se estás no teu edificio cos veciños preguntas ‘que tal o pequeno?’, ‘parece que vai chover’... Un small talk que din os ingleses, unha pequena conversa que se considera educada e adecuada nese contexto. En Chile non se di nada. En Rusia, se non é unha señora maior ninguén che vai dicir nada, apenas un ‘ola’. Durante o máster fixera algo similar entre o bengalí e o español, foi un estudo moi pequeniño que trataba da relación establecida entre alumno e profesor, en español e en bengalí.

-Como se vive esa relación profesor-alumno noutros países?

-Según a miña experiencia, Inglaterra e España están bastante na mesma liña en canto a centros públicos e rurais, que son os que coñecín en Inglaterra. Non estiven en Londres, senón nos sitios máis perdidos que te podas imaxinar. Volvendo ao tema, en certos países de Europa hai un coidado pola persoa que paga os impostos e no caso da educación existe a idea de que o neno que vai á escola non ten que ser presionado e ten que pasalo ben. En Inglaterra, o profesor tiña que estar divertindo permanentemente aos pequenos e a autoridade non existía. En Rusia, os pais son máis conscientes de que están colaborando na educación dos pequenos. Algunha vez me pasou de chamar a atención a un neno por algo superficial e ao día seguinte ter unha barra de chocolate de parte de súa nai.

-Nin vostede nin seu irmán, en Colonia, tiveron medo a saír fóra.

-Nunca o vimos como ‘medo’. Hai moitas razóns e a situación económica do país fala por si soa. Son períodos de aprendizaxe e de integración. Eu non me arrepinto.

-Do 0 ao 100, a súa morriña.

-120... ou 150! Canto máis saio fóra máis boto de menos o que hai aquí e o aprecio. Non estou escapando de nada pero tamén é un luxo estar fóra sabendo que podes volver. Ou saír á rúa aquí sen patinar no xeo, ver o sol e poder diferenciar o atardecer do amencer tamén é un luxo!

«A presión que exercen os países anglófonos desvíanos doutro tipo de culturas»

-Como ve o seu futuro?

-Se tanto no centro no que estou coma min estamos de acordo en seguir renovando os anos académicos, tería ata seis máis en Moscú. A miña idea é, durante ese tempo, ou igual catro anos, aprender o máximo de ruso porque me fascina a lingua e intentar facer o doutoramento ao mesmo tempo. Sobre todo en países como España ou Portugal, en xeneral os mediterráneos, non nos damos de conta da presión que exercen os países anglófonos e desvíannos doutro tipo de culturas e formas de expresión. Sobre todo nas clases de Literatura, cando alucino coas opinións dos meus pequenos que son capaces de compartir en español que non é o seu idioma. Non hai moito fixeron un comentario de A lingua das bolboretas de Manuel Rivas. Fan cousas así!

-Cantos idiomas sabe falar, ademais claro do castelán e galego?

-Para comunicarme sen problema francés, italiano, inglés, o bengalí simplemente para orientarme na rúa e regatear e o ruso para evitar crear caras de medo na xente porque o ruso, cando non entende e ve un estranxeiro, quédase con esa cara.

-Nalgún lugar se sentiu tratada doutra forma por ser emigrante?

-Cos meus respetos por calquera outra nacionalidade e con todo o amor que lle teño á miña terra, aínda que son moi consciente de que é aleatorio onde nacemos e a cor de pel que temos, cando estiven en Alabama non me podía crer que a min me denominaran ‘mejicana’. Sobre todo á poboación máis conservadora dáballe a impresión de que eu estaba pretendendo ser branca e finxindo ser algo que non era. Para eles os brancos eran os estadounidenses. E en Inglaterra, asociábanme máis ben a Benidorm.