![](https://img.lavdg.com/sc/GmIN25RBBNAwILv9WcPekGBNgAE=/480x/2019/02/24/00121551032402552690606/Foto/XF25C2F3_191857.jpg)
En cadeira de rodas dende hai doce anos, o deporte axúdalle a superarse a si mesmo
24 feb 2019 . Actualizado a las 21:00 h.Andaba pola trintena cando un accidente de moto lle cambiou a vida ao deportista viveirense Álex González (Viveiro, 1976), aínda que aquel fatídico feito non lle impediría deixar de lado a súa paixón deportiva. Agora está no Club Baloncesto Viveiro onde adestra a novos xogadores, pero estivo no CR Celeiro e logrou acadar naquela etapa en remo adaptado o título galego hai algúns anos e quedar tamén terceiro a nivel nacional.
-Diferente o remo do baloncesto.
-Si. Foi pasar dun deporte individual a un colectivo e que agora compitan outros por min.
-Como se pasa peor, sendo adestrador ou xogador?
-Creo que se pasa peor de adestrador que de xogador. No Club Baloncesto Viveiro son primeiro adestrador de alevín feminino e segundo de infantil masculino.
-En alevín teñen xa 10, 11 anos... Como se leva esa fase que sería xa como unha preadolescencia?
-Nesa idade, lévanse mellor as nenas. Igual cando teñan 14 ou 15 anos, a ver... Pero as nenas son máis compañeiras e xogan máis en equipo, cando os nenos son como máis individuais, segundo a miña experiencia. Con todos os nenos aos que adestro son comprensivo e intento que disfruten, que se formen como equipo e vaian mellorando pouco a pouco.
-Lembra os anos de remeiro?
-A min gústame o deporte en xeral. Cando facía remo, unha vez estabas na auga, enriba do kaiak, sentíaste libre.
-É deportista parapléxico. O accidente non lle freou a paixón.
-Vou en cadeira de rodas por un accidente de moto que tiven. Vai facer trece anos agora en abril. Recordo a data: o 8 de abril.
-Antes diso, que practicaba?
-Xa facía baloncesto, dende neno ata os 20 anos. Sempre fun deportista, facía ximnasio, xogaba a baloncesto, ía correr...
-Despois do accidente, en que lle axudou a vostede o deporte?
-Axudoume totalmente. Primeiro, a manexarme no día a día. Empecei a xogar nun equipo de baloncesto en cadeira de rodas, no Basketmi Ferrol. Abriume novas capacidades, unha nova forma de pensar. Tampouco se pode dicir que che cambia a vida para peor, iso depende da forma de pensar.
-En remo, que medallas obtivo?
-Fun terceiro de España e campión galego durante tres ou catro anos, primeiro no Club de Remo Celeiro e o último ano no Club de Remo San Felipe de Ferrol.
-Algún deportista ao que admire?
-A calquera que se supere a el mesmo. Quedar primeiro é moi bonito, pero cando competía en remo facíao para gañarme a min mesmo. Era remo adaptado. Encantábame. É un deporte duro. Tiñas que adestrar moito, pero eu sempre quería máis.
-Como leva o seu día a día vendo tantas barreiras arquitectónicas que aínda existen?
-É algo continuo. Hai moitas barreiras arquitectónicas, pero tamén mentais, que son as peores. Hai xente que non axuda e aparca mal. Pensan que son cinco minutos pero se teño que dar a volta, a min pode levarme unha hora.
«Cociño eu, porque se vas comer á casa de mamá poste como unha pelota»
Coma calquera persoa entregada ao deporte, Álex González mira con lupa o seu coidado persoal. E dentro deste, a nutrición vén sendo clave para calquera deportista, sexa profesional ou afeccionado.
-Vai ao ximnasio todos os días? Madruga? A que hora?
-Si. Todos os días boto no ximnasio unha hora ou hora e media. Son de madrugar, si. Ao ximnasio vou ás nove da mañá.
-Xa sabe que adoita ser unha tradición de ano novo apuntarse ao ximnasio e logo un típico tópico non volver pisalo. Supoño que vostede si que amortiza ben a cuota.
-Si, iso que dis soe pasar.
-Como coida a nutrición?
-Por semana intento coidarme. Na miña casa cociño eu, por necesidade. Tamén se vas comer á casa de mamá poste como unha pelota... e eu teño que coidarme.