Afirma que a experiencia parlamentaria enriquece, malia afectar á vida persoal
24 mar 2019 . Actualizado a las 18:20 h.Olalla Rodil cre que ela e a xente da súa idade son máis presente ca futuro. Iso axuda a explicar que teña dado pasos como formar parte da candidatura do BNG para o Parlamento galego e exercer como deputada en Santiago en representación da provincia de Lugo, con satisfaccións e inconvenientes na vida persoal e cotiá.
-Produce impacto chegar ao Parlamento?
-É un reto moi grande, unha responsabilidade enorme. Somos un equipo; non son eu soa fronte ao mundo, pero si é unha responsabilidade grande.
-É o Parlamento o que vostede imaxinaba ou esperaba antes de chegar?
-Coñecía un pouco o Parlamento porque cubrín un tempo a actividade parlamentaria. Xa fixera seguimento das comisións e coñecía o funcionamento. Pero hai unha parte máis visible, como os plenos e os controis ao presidente, e outras que non o son tanto, pero que levan o seu tempo: preparar as sesións, ter reunións con colectivos... Todo iso supón un volume de traballo moi grande.
-Que gaña e que perde na súa vida estando no Parlamento?
-Poder formar parte do Parlamento é enriquecedor. Es representante dos galegos e das galegas, independentemente de que te votasen ou non. Ten os seus hándicaps, claro. Deixas de ter unha parte da túa vida persoal, non hai horarios; isto é unha dedicación exclusiva.
-Comparando as dúas partes, cal pesa máis?
-A parte enriquecedora, sen dúbida. É un orgullo. Así o percibo, así o sinto, así vou ao Parlamento todos os días. Eu levo militando no BNG dende hai dez anos; valoro formar parte dese proxecto político; tes que perder cousas, pero asimílalo porque o que iso che dá é moito máis.
-Calquera deputado ou deputada desta provincia, sexa cal sexa a comarca onde viva, ten que soportar a penosa comunicación con Santiago. Como leva ese asunto?
-Penosa, si. A min non me gustaba conducir. Tiña o meu vehículo, non o usaba moito... Agora, literalmente, vivo no coche. É unha das cousas que máis se nota: coa tensión que tes, porque é a túa vida e a dos demais a que está en xogo, e non podes meter a gamba... Non podes dicir, por exemplo, que vas coller o tren. Iso queima moito. A min lévame unha hora e cuarto dende que saio polo Ceao.
-Que descubrimentos fixo dunha provincia tan diversa como Lugo sendo deputada?
-A distribución provincial está totalmente afastada da diversidade que ten. Desenvólvense realidades diferentes, con problemas distintos. Na Mariña está o problema de Alcoa, con esa ameaza [de peche] e cunha realidade económica vencellada ao mar. O sur da provincia ten unha relación máis directa coa provincia de Ourense. Descubrín iso, unha realidade complexa. Todo o país comparte a emigración xuvenil e o envellecemento demográfico; pero parece que hai dous países dentro deste: a AP-9 partiu o país en dous.
-Sorprendeuna algún lugar da provincia ao que nunca fora e ao que se desprazou como deputada?
-Todo o país é marabilloso, pero lembro a primeira vez que fun a Vilachá (A Pobra do Brollón), coas súas adegas... Pareceume espectacular, pero tamén Os Ancares, O Courel.... Temos un país diverso, espectacular. Vexo un descoñecemento moi grande das cousas que hai en Galicia.
-Vese como unha profesional da política?
-Non. É unha etapa da miña vida dentro dun proxecto colectivo. Non me sinto profesional disto; tento facer o meu traballo o mellor posible e transmitir as propostas do BNG, pero non me sinto profesional; a miña profesión é ser xornalista e comunicar.
«A distribución provincial está totalmente afastada da diversidade
que ten»
«Quen fala o mellor galego no Parlamento? Calquera de Lugo»
Calquera, na súa vida persoal ou familiar, pode empregar palabras ou expresións da súa comarca que quizais non se entendan noutras ou non se recollan nalgúns dicionarios. Mesmo pode ocorrer que se pronuncien, de maneira inconsciente ou asumida, nunha tribuna pública.
-Empregou algunha vez, no Parlamento, palabras ou variedades propias de Ribeira de Piquín?
-Tento empregar unha linguaxe o máis normativa posible. Non me dou conta de se usei algunha, porque, se as uso, é de xeito inconsciente. No galego do Eo-Navia usamos o [sufixo] -in; padrín, camín, vecín... Aquí, no Parlamento, non me dou conta de usalo.
-Quen fala o mellor galego no Parlamento?
-Calquera de Lugo. Mantemos as estruturas moito mellor. Gústame moito unha deputada do PSdeG, Dolores Toja, porque ten un galego moi distinto, con trazos moi marcados. É moi bonito. [Toja foi concelleira en Laxe e é deputada pola Coruña].
-Hai afinidade cos outros deputados de Lugo por enriba de cuestións ideolóxicas?
-Comparto máis tempo cos que forman parte das mesmas comisións: no meu caso, por exemplo, con Luis Álvarez [deputado socialista por Lugo]. Aquí, realmente, hai unha relación cordial e educada. Hai unha tensión nos debates que é sa. Creo que hai unha visión estereotipada: temos unha relación cordial, de complicidade nalgún caso.
-Quen é o mellor parlamentario?
-Para min, unha das mellores é a miña compañeira Noa Presas: ten unha capacidade de oratoria brutal.
-E nos outros grupos?
-No PSOE gústame Abel Losada: paréceme bo no debate. No PP, Paula Prado, no mesmo sentido: é dura, moi dura, pero dentro da discrepancia paréceme interesante. E dentro de En Marea, Paula Vázquez Verao.