«É unha sensación única cando che veñen os nenos dicindo 'comprei o teu libro'»

La Voz

A MARIÑA

Xaime Ramallal

Onte presentou a súa primeira publicación, «Esta non é outra historia de piratas», que escribiu a modo de «terapia» persoal

01 abr 2019 . Actualizado a las 21:19 h.

Falamos con ela no medio do recreo escolar do CEIP Covas (Viveiro). Ela é a coordinadora da área de lectura do centro e ao mesmo tempo empeza andaina como escritora.

-É o seu primeiro libro?

-Si. Mira que experiencia neste mundo! Empecei a escribilo nun momento moi duro, con meu pai no hospital. Durante moito tempo estivo metido nun caixón, ata que enfermou o meu marido. Escribir axudábame a concentrarme. Foi como unha menciña, como unha terapia, porque naquel momento só ler non me chegaba, pero escribir si, xa que para escribir tiña que poñer os cinco sentidos. Ademais, é un libro para nenos e son a responsable da biblioteca do colexio.

-E xusto un día coma hoxe é....

-O Día Internacional do Libro Infantil.

-O feito de levar a biblioteca escolar debeu servirlle de inspiración para un libro infantil.

-Moita inspiración, porque os libros que pido para a biblioteca léoos eu antes. Así que empapeime moito da literatura infantil, pero sen ánimo de copiar a ninguén, senón de facelo no meu estilo. A temática son dúas historias entrecruzadas. Unha vai de avós que lles contan contos aos netos e outra de piratas, que me encantan. Ten un toque de empoderamento feminista, porque son nenas as que resolven os problemas.

-Cando un neno que coñece lle fala do seu libro, que sente?

-É unha sensación única cando che veñen os nenos dicindo “comprei o teu libro”. A maior satisfacción que hai é se xa lles gusta... Que che vou contar!

-Son críticos moi sinceros.

-A verdade é que todas as valoracións foron positivas.

-Haberá un segundo libro?

-Deixei un final aberto...

Na presentación estaba prevista a intervención de Jaime Oroza e a proxección dun book trailer da ilustradora do libro, que é a profesora Mari Carme Pernas.