
Luis del Río recoñece un futuro incerto no económico tras a crise do coronavirus, pero reivindica os méritos do conxunto celeste para ascender
23 abr 2020 . Actualizado a las 13:09 h.Coma case todos, Luis del Río adiviña un futuro incerto tras a crise que provocou o coronavirus. O Viveiro terá que apertar o cinto, recoñece o director deportivo da entidade, «coma case todos», engade. Pero reclama que fagan xustiza e que concedan o ascenso a un conxunto celeste que, cando se pararon as ligas, era líder indiscutible, con once puntos sobre o segundo e quince sobre o terceiro.
-Dan por feito que non se poderá xogar máis?
-A federación xa nos comunicou que así será, que nestas categorías non se vai xogar máis.
-Propoñen conceder os ascensos pero non os descensos.
-A normativa di que cando remata a liga os dous primeiros clasificados do grupo teñen acceso directo a Terceira División, e nós somos primeiros con diferenza, con máis dun 70 % xogado. Se ten que haber descensos ou non... Pois nós o que non vemos é sentido a que haxa quen diga que se debe anular. Non se pode castigar a quen fixo os deberes e premiar a quen non.
-Farían unha Terceira División con 24 equipos repartidos en dous grupos.
-Adaptarémonos ao que digan. Ten a parte positiva de que así só xogariamos contra equipos da zona norte, e iso abarata custos.
-A situación é difícil no económico. Fixeron números?
-É moi cedo para falar con exactitude, pero isto vai ser malo para todos no fútbol, coma en case tódolos sectores. Sen hostalería, por exemplo, perdemos patrocinios. A ver que pasa co Resurrection Fest, e ademais tiñamos programados partidos importantes para este verán que xa non se van poder facer. Hai equipos que teñen máis recursos, pero para nós non é o escenario soñado cando xa traballabamos nun salto de categoría. Supoño que a federación se implicará para axudar aos clubs.
-Ser campión tamén ía valer a clasificación para a Copa do Rei.
-Imaxino que iso non cambiará. De ser campións, teriamos que xogar unha eliminatoria contra o campión da Preferente Sur, o Ribadumia, e despois xogariamos a partido único contra outro ascendido a Terceira de calquera lugar de España. De superalo viría a Cantarrana un equipo de Primeira, pero xa estamos falando de moitos condicionantes, e a ver se podemos xogar con público.
-Xa traballa no novo cadro?
-Gustaríanos que gozasen do premio todos os responsables desta campaña, tanto os xogadores como Chuski e o seu corpo técnico. Só pensamos facer os cambios que sexan obrigados. Cando se consume o ascenso e se poida queremos celebralo con todos os que fixeron que o Viveiro se mantivese vivo estes 14 anos en Preferente. Eses directivos, afeccionados e tamén xogadores e adestradores merecen velo en Terceira: se o Viveiro sobe será grazas a todos eles.