
Un dos temas do viveirense Xosé Maseda Calvo, «Memorias dun adolescente», logrou 2.000 visualizacións en Youtube en apenas dúas horas
12 jun 2020 . Actualizado a las 09:24 h.Xosé Maseda Calvo é especialista en organizar o tempo do que dispón. Este viveirense nado no 2002 é capaz de ser un alumno aplicado -acaba de conseguir a nota máis alta de segundo de Bacharelato do IES Vilar Ponte cun 9,9 de media-, practicar deporte, saír de festa cos amigos e ata de facer «os seus pinitos» na música compoñendo rap en galego. O primeiro tema que gravou e colgou na súa canle de Youtube (XMaseda65), titulado Memorias dun adolescente, logrou case 2.000 visualizacións en menos de dúas horas. «Tivo unha aceptación tremenda», recoñece o mozo, que estes días prepara a fondo as probas de acceso á universidade, que este ano, e de maneira excepcional debido ao coronavirus, terán lugar en pleno verán, no mes de xullo.
«Compaxino ben todo porque me gusta aproveitar o tempo ao máximo cando teño a fortaleza psicolóxica necesaria. Sempre intento buscar un anaco para facer algo de deporte e gústame ir ao ximnasio tres veces á semana, aínda que desde a corentena non vou. E en canto ao estudo, se estou na casa cinco horas mirando para a parede, prefiro ir tres á biblioteca e que me quede tempo libre para facer outras cousas. Gústame moito quedar cos amigos e practicamente todos os sábados quedo de noite. Dáme tempo a todo», comenta Xosé, que non deixa de sorprender, posto que o próximo curso estudará Filoloxía Galega aínda que cursou o Bacharelato de Ciencias Puras.
Descubrir a Dios ke te crew
E nesa decisión de cambiar as matemáticas, a física, a química ou o debuxo técnico polo estudo da ciencia que estuda a lingua e a literatura propias de Galicia, o rap tamén ten bastante que ver. «Sempre escoitaba rap en castelán, pero miñas irmás sempre poñían música no coche e sendo pequeno unha vez puxeron unha canción de Dios ke te crew, un grupo galego. Flipei! Na miña mente de neno pequeno só escoitara o galego na casa, na TVG e na escola ás veces, e quedei flipando con que se podía facer rap en galego», explica o rapaz. Esa «toma de conciencia» animouno a empezar a escribir rap na súa lingua materna.
«Aínda que parece que vai todo para abaixo, que as novas xeracións van a peor e, o que si é certo, que nos estamos cargando o planeta, creo que tampouco é todo tan malo. O que pasa é que os malos fan moito máis ruído que os bos», Xosé Maseda Calvo, estudante viveirense de 18 anos

